A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Montes>
  5. O SLG acusa a Medio Rural de neglixencias directas que favoreceron a vaga de lumes catastrófica que asola Galiza

O SLG acusa a Medio Rural de neglixencias directas que favoreceron a vaga de lumes catastrófica que asola Galiza

16 de Outubro do 2017

Incendio forestal

O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa consternación e dó pola vaga de lumes que está a asolar Galiza e que arrasa milleiros de hectáreas e que xa provocou a morte de tres persoas. Dende o SLG, a nosa solidariedade cos miles de cidadáns e cidadás que, en maior ou menor grao, están a sufrir o impacto desta situación catastrófica. A maiores, a nosa máis enérxica condena da actividade criminal dos incendiarios causantes dos lumes por todo o dano e dor causadas e pola devastación irreparable que están a causar os seus actos.

Máis alá da solidariedade para coas vítimas dos lumes e da condena da actividade criminal incendiaria, dende o Sindicato Labrego Galego queremos poñer o foco sobre un dos principais responsábeis desta situación catastrófica e do que case ningún medio de comunicación fala: a Dirección Xeral de Ordenación Forestal (DXOF) e, por extensión, á Consellaría de Medio Rural (CMR). Sen quitar un ápice de culpa á actividade criminal directa dos incendiarios, dende o SLG queremos denunciar, unha vez máis, a política forestal e de prevención de lumes da Xunta de Galicia e as neglixencias continuadas na actual campaña e no Plan de Defensa contra os Incendios de Galiza (Pladiga 2017) sobre as que xa chamamos a atención a través de roldas de prensa e comunicados ao longo deste verán. No ano 2007, co bipartito á fronte da Xunta, Feijóo xactábase de que “Con nosotros no moría gente en los incendios, y con ellos cuatro personas” (https://elpais.com/diario/2007/01/29/galicia/1170069492_850215.html); por desgraza, as erráticas, interesadas e desastrosas políticas forestais de prevención e extinción de lumes do seu goberno impedirán que Feijóo poida volver facer unhas declaracións tan desprezables e mesquiñas como as citadas.

  • Acusamos á CMR e á DXOF de que, ao remate do verán, os poucos traballos de prevención de lumes orzados para o ano 2017 estaban sen facer: bit.ly/SenPrevLumes17

  • Acusamos á CMR e á DXOF de enviar ao paro 436 traballadores e traballadoras do Servizo de Prevención e Extinción de Lumes Forestais o 1 de outubro, cando as condicións climatolóxicas e de seca mantiñan o noso territorio en máximo risco de incendio: bit.ly/RiscoLumes Os traballos para prever a aparición de lumes e facilitar a súa extinción deben realizarse os 365 días do ano e, polo tanto, o persoal encargado de realizar estes labores debe traballar durante todo o ano e non só os meses de verán, sobre todo agora que o cambio climático está a dilatar cada vez máis a época de máximo risco de incendios. Máis alá destas obviedades, resulta inxusto que a Xunta condene á precariedade laboral a unha cantidade tan alta de traballadores e traballadoras públicos.

  • Acusamos á CMR e á DXOF de carecer dunha política preventiva dos lumes forestais e de repetir, ano tras ano, o mesmo plan de extinción de lumes, repetindo, polo tanto, os mesmos erros e sen adaptarse ao cambio climático nin ás particularidades de cada campaña. Ademais, a CMR e á DXOF censuran no Consello Forestal a voz e as achegas dos axentes, organizacións e colectivos do sector á hora de planificar a política de prevención e extinción de lumes, imposibilitando a participación social: bit.ly/CMRcensora

  • Acusamos á CMR e á DXOF de centrar a investigación dos lumes só na acción dos corpos de seguridade do Estado, menosprezando o labor dos e das axentes forestais e medioambientais, que son quen teñen un coñecemento máis fondo do terreo e da realidade do país.

  • Acusamos á CMR e á DXOF de escuros intereses ao favorecer os intereses das empresas privadas que se están a enriquecer co negocio da extinción de lumes a través de prácticas como as portas xiratorias de altos cargos ou os sobrecustes nos traballos realizados. (https://www.youtube.com/watch?v=6K_TDHmdd-k)

  • Acusamos á CMR e á DXOF de favorecer e promover unha política forestal suicida para o noso país, baseada nun monocultivo salvaxe de eucalipto que só beneficia a ENCE e amparado pola pasividade cómplice da Xunta, que non actúa para que se respecten as distancias de seguridade respecto de núcleos habitados e vías de comdunicación ou para impedir a invasión ilegal de terras agrarias. As actuais políticas forestais da Xunta non fomentan o valor do monte mediante a multifuncionalidade e non apostan pola xestión das masas arboradas para a produción de madeira, fomentando así o abandono do monte. En resume, na Galiza non existe unha verdadeira ordenación do territorio, senón medidas soltas e descoordinadas dun plan xeral que sumen ao noso país nun verdadeiro caos territorial.

Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego Galego sinalamos como responsables indirectos da actual situación catastrófica os cargos autonómicos que impoñen as actuais políticas forestais e de extinción de lumes, nomeadamente a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez; e o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, e esiximos a súa dimisión inmediata en canto solventen a actual situación crítica na que nos atopamos. A maiores, agora si, a Xunta non pode seguir obviando as demandas da sociedade galega e debe convocar, dunha vez por todas, unha Mesa do Lume na que, de maneira conxunta coas organizacións e colectivos que temos responsabilidades no eido forestal, se deseñe unha nova política baseada na prevención e no traballo contra o lume os 365 días do ano e na posta en valor do monte como un das principais fontes de riqueza e biodiversidade do noso medio rural. Para o SLG, unha nova política forestal e de ordenación do territorio debería contemplar a recuperación das terras agrarias perdidas (Galiza é un dos territorios de Europa con menor superficie agraria útil) e declarar de vocación agraria todo predio cunha inclinación do terreo inferior ao 12%; ademais a Xunta ten a obriga de perseguir todas as plantacións forestais que non cumpran a lei -especialmente as de piñeiro e eucalipto- e modificar a lexislación para impedir plantíos forestais nun radio de centos de metros con respecto a núcleos urbanos ou vivendas. O mellor investimento que podemos facer para evitar os lumes non é na súa extinción, senón na ordenación do territorio e nos labores de prevención para que non haxa incendios.