A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. Un vertedoiro de refugallos industriais en Lousame ameaza unha ducia de granxas e un centenar de empregos

Un vertedoiro de refugallos industriais en Lousame ameaza unha ducia de granxas e un centenar de empregos

18 de Outubro do 2016

Vertedoiro Lousame

O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa oposición frontal ao proxecto de macro-vetedoiro de refugallos industriais que se pretende instalar no Concello de Lousame e que se encontra en fase de exposición pública. Para o SLG, a execución deste proxecto, que contempla o enterramento de 770.000 toneladas de residuos en 10 anos, pon en risco unha ducia de explotacións agrarias que xeran case un cento de empregos na contorna inmediata do vertedoiro.

Mesmo a parcela de 20 hectáreas na que se pretende instalar o vertedoiro está clasificada como solo rústico de especial protección e forma parte da base territorial dunha granxa de vacas cachenas que, probablemente, se vexa obrigada a pechar ao extinguirse o arrendamento da finca. Da mesma maneira, dende o SLG denunciamos que centos de hectáreas de terreos contiguos ou próximos ao vertedoiro son o sustento fundamental das explotacións que se concentran nas aldeas veciñas.

Para ilustrar o risco de afectación da actividade gandeira, basta lembrar que o lugar de Fontefría, que concentra boa parte das cabezas gandeiras e empregos agrarios directos do Concello de Lousame, se encontra a menos de 400 metros da parcela onde se pretende instalar o vertedoiro. Algunhas das explotacións da contorna, como a cooperativa Tubío Busto de Fontefría, ou a cooperativa Cesares Holstein de Vilar de Reconco, foron seleccionadas entre as mellores explotacións de Galiza en 2015 pola Federación Frisoa Galega e galardoadas como "mestres criadores" pola Confederación de Asociacións de Frisoa estatal (CONAFE). Ás de Fontefría, habería que engadir as explotacións dos lugares limítrofes do concello de Rois e outras aldeas con grande vitalidade gandeira como Servia ou Comparada, tamén en Lousame. Desta maneira, o proxecto de vertedoiro ameaza con pór en risco un traballo e imaxe que levou décadas botar adiante.

Por outra banda, o Sindicato Labrego Galego lembra que Lousame é un municipio declarado “zona de especial interese agrario” polo Decreto 293/2008, do 18 de decembro, e que, conforme os datos máis recentes do Instituto Galego de Estadística (2012), as explotacións agrícolas deste concello xeraban 311 postos de traballo a tempo completo (unidades de traballo ano), o que dificilmente se poden comparar cos 13 empregos que contempla o vertedeiro para os seus 10 anos de actividade e que nin sequera son todos a tempo completo nin de contratación directa. En 2009, contabilizábanse 1.484 unidades gandeiras de bovinos, 1.153 de porcinos, e 365 doutras categorías.

Diante desta nova agresión á nosa gandería, dende o Sindicato Labrego Galego anunciamos que imos presentarnos no procedemento e que, á vista das numerosas irregularidades observadas no proxecto, presentaremos alegacións, destacando a afectación aos leitos fluviais que sosteñen tanto as traídas veciñais como o subministro para as explotacións agrarias, amais doutros riscos que ameazan a continuidade e sustentabilidade do modo de vida agrario dos lugares de Lousame e Rois directamente afectados polo proxecto.