A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. Eduardo Quintás (gandeiro): "De que nos serve a mina en Touro se destrúe 150 postos de traballo na gandería?"

Eduardo Quintás (gandeiro): "De que nos serve a mina en Touro se destrúe 150 postos de traballo na gandería?"

30 de Novembro do 2017

Eduardo de Touro

Eduardo vive en Arinteiro, unha aldea de Loxo no concello de Touro. Hai catro anos, apostou o seu futuro á gandería facéndose titular da granxa familiar: 35 vacas de leite e carne e unhas 10 hectáreas de terras para mantelas. A incorporación de Eduardo sería unha boa nova para o rural se o meirande das súas terras, nas que agora nace a herba sementada, non estivesen na zona cero dun proxecto mineiro de Atalaya Mining que ameaza o seu traballo e o de 150 labregos e labregas máis nos municipios de Touro e O Pino.

Vivir a carón dunha mina en Touro xa vén de vello, ¿non?

A actividade mineira comezou en 1974, coa extracción de cobre por Riotinto, que mantivo a súa actividade até 1986. Dende aquela, varias empresas traballaron nesta zona mineira: Explotaciones Gallegas na extracción de áridos para a construción de estradas e outras que se dedicaron á restauración dos terreos. O problema vén agora co proxecto de Atalaya Mining para volver extraer cobre.

A actividade mineira afectouvos todos estes anos?

Agora mesmo, aquí temos contaminación do aire por unha empresa que se dedica a facer asfalto para estradas. Cando hai nordés, veñen os gases até os núcleos habitados dos arredores. Despois veu a empresa Ten, seica para reciclar os lodos da mina; pero dedicouse a botar os refugallos directamente nas zonas explotadas, indo parar directamente ao sistema fluvial do Ulla. A contaminación é moi alta. Como exemplo, temos o río Pucheiras, que pasa por Arinteiro, onde a presenza de metais pesados -como cobre, cinc ou níquel- na auga é 100 veces superior á permitida.

"Temos o río Pucheiras, que pasa por Arinteiro, onde a presenza de metais pesados -como cobre, cinc ou níquel- na auga é 100 veces superior á permitida".

O novo proxecto mineiro cambia moito a situación con respecto á explotación mineira actual?

Co novo proxecto, todo cambia. De primeiras, queren expropiar case 700 hectáreas de terras a maiores das xa explotadas. Desas terras, hoxe en día 341 hectáreas son de masas forestais e 150 de cultivos. Por se non abondase, o proxecto é ampliable até 1.827 hectáreas. O primeiro impacto, polo tanto, é que nos deixan sen base territorial ás granxas da zona.

O proxecto tamén prevé a construción dun depósito de lodos tóxicos entre Arinteiro e Vieiro de 50 millóns de metros cúbicos e unha altura de 55 metros; e outra balsa de 3.187 metros de longo por 81 metros de altura con capacidade para 24 millóns de m3. Ambos depósitos albergarían lodos e augas acedas, con materiais perigosos para as persoas e a fauna acuática. A aldea quedaría encaixonada entre ambas balsas en forma de triángulo e, dado que estamos situados enriba dunha falla tectónica, hai moitas probabilidades de seísmos que poderían romper o muro e provo- car unha catástrofe semellante á de Aznalcóllar en 1986.

Outros impactos previstos serían a creación dunha liña de alta tensión dende Portodemouros á mina; ou as vibracións provocadas polas voaduras con explosivos e o po en suspensión que xeneran.

En resume, quedariamos sen terras para o gando e a nosa aldea, Arinteiro, practicamente desaparecería ao quedar enterrada entre vertedoiros e as balsas de lodos tóxicos.

Hai moita actividade gandeira na zona afectada?

En Arinteiro, todas as familias vivimos da gandería agás tres casas coa xente xubilada. Só en Arinteiro, estamos a falar de sete granxas en activo con 17 postos de traballo directos. Pero se falamos de todas as granxas afectadas polo proxecto mineiro máis alá da nosa aldea, calculamos que están en xogo uns 150 postos de traballo agrarios ao redor da mina. Estarían afectadas algunhas explotacións punteiras como a SAT de Bama, con mil cabezas de gando e catro familias que dependen dela.

Que alternativas económicas hai en Touro e O Pino máis alá da agricultura?

A principal actividade económica das nosas parroquias é a gandería. Tamén hai algunha iniciativa empresarial ligada ao leite, como a queixería de Bama ou un mozo que acaba de poñer en marcha unha pequena empresa artesanal de produción de iogures. Eu creo que o futuro desta zona pasa, precisamente, por apoiar a xente nova na posta en marcha actividades económicas coma esas, que dan valor engadido ás nosas producións gandeiras.

"Quedariamos sen terras para o gando e a nosa aldea, Arinteiro, practicamente desaparecería ao quedar enterrada entre vertedoiros e as balsas de lodos tóxicos".

E como reacciona a veciñanza a este proxecto?

Hai división. Cómpre ter en conta que hai moitas persoas desempregadas que quedaron no paro en sectores como o da construción ou o téxtil. Esa xente devece por ter un emprego e dende Atalaya Mining estanllo a prometer. Pero, ¿de que serve que a mina dea postos de traballo durante os catorce anos que prevé explotar o cobre, se para iso ten que destruír ao redor de 150 empregos directos na zona ligados á gandería? Creo que somos as persoas que vivimos no rural as que debemos decidir que facemos co noso futuro.

Tedes o apoio dos gobernos locais?

Non, non temos apoio dos gobernos locais do Pino e de Touro, ambos do PP e a favor da mina. Sen embargo, apóiannos colectivos como contraMINAcción ou o Sindicato Labrego Galego, a maioría dos concellos que comparten con nós as marxes do Ulla, Confrarías de Pescadores como a de Vilagarcía ou as Mariscadoras de Carril. Sei que o temos complicado, pero se todos e todas nos unimos, imos conseguir que non abra esta mina aquí nin en ningunha parte de Galiza.

Eduardo de Touro