A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. Observatorio Eólico de Galicia, unha ferramenta para mudar os resultados da eólica no medio rural

Observatorio Eólico de Galicia, unha ferramenta para mudar os resultados da eólica no medio rural

20 de Maio do 2019

Xavier Simón

por Xavier Simón Fernández, coordinador do Observatorio Eólico de Galicia

O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), coordinado pola Universidade de Vigo (UV), nace pola vontade decidida da Fundación Juana de Vega (FJV) e a Fundación Isla Couto (FIS) de contribuír á conservación e desenvolvemento do medio rural, á preservación da súa contorna natural e humana e á mellora da súa base económica e das actividades con ela relacionadas. Ambas entidades privadas colaboran con diferentes institucións do País para promover os traballos, iniciativas e experiencias de acción comunitaria, económica e social, requiridos na actual situación de cambio en que vivimos para a pervivencia da nosa identidade colectiva galega nun contexto de maior xustiza social, tamén enerxética.

Esta colaboración entre o ámbito privado e público, con ese espírito de provocar a transformación positiva do medio rural, xa tiña uns antecedentes no caso de enerxía eólica en Galicia. Desde 2010 a UV e a FJV teñen traballado de maneira conxunta a prol do desenvolvemento rural de Galicia, realizando traballos no eido da enerxía eólica. Como consecuencia desa colaboración analizouse o impacto económico e social da enerxía eólica no mundo rural galego que permitiu establecer as seguintes conclusións. Primeira, os propietarios das terras eólicas en Galicia perciben unhas rendas que se poden considerar baixas, se as comparamos cos que se reciben noutras comunidades autónomas, e moi cativas se temos en conta o que se percibe polo uso das terras agrarias cando os labregos teñen participación no capital social das empresas eólicas, como ocorre en Dinamarca ou Alemaña. Segunda, o forte desenvolvemento eólico que ocorreu desde mediados dos 90 ata 2008 realizouse nun contexto de forte debilidade negociadora por parte dos propietarios das terras eólicas. Os promotores eólicos eran poucos (non superaban os 20), estaban organizados e moitos contaban con experiencia internacional no desenvolvemento enerxético, polo que tiñan equipos humanos moi preparados para alcanzar un elevado éxito nas “negociacións”. E os poucos promotores que daquela non pasaban de ser un grupo de amigos, técnicos, amigos con bos amigos, que non contaban con ningunha experiencia “negociadora”, se beneficiaron, como todos, dun marco normativo que lles daba todas as garantías de éxito no desenvolvemento eólico. Entre elas: a declaración da utilidade pública e a opción da expropiación forzosa, a urxente ocupación das terras e a autorización de instalacións enerxéticas sen data de caducidade. Terceira, malia este contexto de baixas rendas e fraca posición negociadora descubríronse comunidades rurais onde se instalaran parques eólicos que conducían iniciativas innovadoras, de natureza produtiva ou non produtiva, que estaban a transformar sustentablemente o medio rural.

Como consecuencia de todo o anterior, ponse en marcha o Observatorio Eólico de Galicia para impulsar accións que promovan i) unha maior equidade no reparto dos beneficios da actividade eólica no mundo rural, e ii) maiores oportunidades de participación e actuación para os axentes que habitan no mundo rural.

Para alcanzar estes obxectivos requírese un alianza de diferentes estamentos e axentes sociais que de forma coordinada deseñen propostas de actuación que impacten nos diferentes ámbitos implicados no desenvolvemento enerxético de Galicia. Así, as actuacións deben ir encamiñadas a (i) propoñer cambios normativos nos ámbitos da planificación territorial e enerxética; (ii) impulsar a transferencia de información cuantitativa e cualitativa entre os axentes participantes; (iii) favorecer a transparencia dos procesos eólicos; (iv) amosar os impactos positivos das boas prácticas eólicas no mundo rural.

A Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo crean o Observatorio Eólico de Galicia para desenvolver no curto prazo eses obxectivos. O máis urxente é asesorar ós propietarios e propietarias neste novo boom eólico que se está a producir no rural galego. Aproveitamos esta oportunidade que nos dá o FOUCE para deixar o noso contacto e indicar tres breves consellos:

  1. Os eólicos chegan ó rural para ficar nel toda a vida, a nosa e todas as vidas que poidamos imaxinar. Non teñen data de caducidade. Cando estean vellos porán outros no seu lugar, máis grandes e máis produtivos, como está a ocorrer en Bergantiños, por exemplo.

  2. Os propietarios e propietarias deberían unirse e negociar conxuntamente co promotor. So mediante a unión dos pequenos se poderá mellorar o resultado final, individual e colectivo.

  3. Non se debe ter presa en asinar o primeiro que nos ofrezan. Por moito que nos pareza sempre será pouco en relación ó que poderían, e deberían, ofrecer.

Todos e todas queremos evitar o cambio climático, especialmente os labregos e labregas. Pero non foron estes, e menos os que teñen unha base familiar, os maiores responsábeis dese grave problema. A Administración autonómica e a estatal, e os promotores das renovábeis, deben abrir a súa mente, e mudar as leis, para dar maior cabida ós habitantes do rural nese novo negocio. A transición enerxética a un modelo de baixo consumo fósil por medio de aeroxeradores require das terras do rural pois todos se instalan aí. O futuro da nosa sociedade ninguén o concibe sen un rural vivo, con moradores, labregos e labregas. Os dous procesos son compatibles, pero ata agora pouco se fixo para que tal cousa ocorrera. O Observatorio Eólico de Galicia traballa para mudar esa tendencia.

Contacto: observatorio.eolico@uvigo.gal

Parque eólico