A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. Unha vintena de colectivos reuniranse en Vilalba na Xornada Nacional en Defensa da Terra organizada polo SLG

Unha vintena de colectivos reuniranse en Vilalba na Xornada Nacional en Defensa da Terra organizada polo SLG

5 de Febreiro do 2020

Xornada acaparamento de terras

O Sindicato Labrego Galego organiza este sábado, 8 de febreiro, unha Xornada Nacional en Defensa da Terra, que terá lugar no local da Liga Santaballesa, na parroquia de Santaballa (Vilalba, Lugo). Con esta convocatoria, dende o SLG queremos tecer redes de ideas e accións con activistas e colectivos de toda Galiza e de diversos ámbitos para enfrontar un fenómeno, cada vez máis agresivo e crecente, como o do acaparamento de terras, que usurpa os predios en favor de actividades industriais e en detrimento da produción de alimentos e do uso e desfrute das comunidades rurais vinculadas ao territorio.

Polo de agora, xa confirmaron a súa participación na xornada colectivos e plataformas como Asociación Cultural O Iribio, Asociación de Afectados polas Louseiras do Val do río Baos, Asociación Petón do Lobo, Auga Limpa Xa!, Coluna Sanfins, Comisión das Minas da Terra Chá, Comisión de Seguimento da Minaría e Defensa do Rural de Mesía-Frades, Comunidade de Montes de Tameiga, Contraminacción, Instituto Galego de Terras Comunitarias, Mina Touro O Pino Non, Non Eólicos Ordes, Salva la Selva, Salvemos a Comarca de Ordes, Salvemos as Fragas de Catasós, Verdegaia e Véspera de Nada.

Máis dun millón de hectáreas perdidas para a agricultura e a gandería

Se atendemos aos datos, Galiza sufriu un brutal proceso de acaparamento de terras favorecido polas políticas industriais e forestais das últimas décadas. Primeiro co Franquismo, cunha usurpación dos montes comunais que supuxo o abandono da actividade gandeira e silvopastoril en 820.000 hectáreas; e despois co Estado e coa Xunta, cuxas políticas fixeron que, dende 1986, se perdesen 200.000 hectáreas de superficie agraria, ao mesmo tempo que os cultivos de piñeiro e eucalipto ocupaban case 400.000 hectáreas máis do noso territorio.

Só no sector lácteo, as 350.000 hectáreas das que dispoñía en 1989 reducíronse a 220.000, concentrándose o 40% da produción leiteira do Estado no 8% do territorio galego, con serios problemas de acceso á base territorial na actualidade (a media de superficie por granxa na Galiza é dunhas 20 hectáreas, a metade da media europea) e, polo tanto, unha mingua considerable de competitividade e rendibilidade das granxas; así como de adaptación a unha Política Agraria Común que cada vez prima máis a xestión de superficie territorial.

Ademais das políticas forestais, outros fenómenos como o crecente consumo enerxético, de metais ou de minerais, fai que se ocupen terras coa construción de parques eólicos, tendidos eléctricos ou coa explotación mineira; e que a superficie agraria fique sempre en segundo plano e como ben a sacrificar diante dos intereses, decotío especulativos, da patronal mineira e enerxética. Mesmo sen saír do plano agrícola, tamén estamos detectando accións de acaparamento ligadas á gandería industrial. Do conflito das Encrobas ao actual en Touro e O Pino, o acaparamento de terras é un cabalo de batalla co que temos que lidar as organizacións agrarias que defendemos o solo agrícola da depredación.

Coa xornada do 8 de febreiro, dende o SLG agardamos que o tecido social galego que ten na defensa da terra unha das súas prioridades saia fortalecido; da mesma maneira que avanzar en demandas necesarias como unha lexislación que protexa os usos agrogandeiros ou os valores ecolóxicos e humanos da terra fronte a intereses especulativos e industriais, que xeran destrución económica, social, patrimonial e ambiental só para que unhas poucas empresas obteñan beneficios.

Programa xornada acaparamento de terras