A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Internacional>
  5. Unha delegación da Vía Campesina participa en Nairobi nos actos contra a décima Conferencia Ministerial da OMC

Unha delegación da Vía Campesina participa en Nairobi nos actos contra a décima Conferencia Ministerial da OMC

15 de Decembro do 2015

Remember Lee Kyun Hae

Dende o 14 de decembro, unha delegación de labregos e labregas da Vía Campesina está a participar nas diferentes accións de loita contra a Organización Mundial do Comercio (OMC) en Nairobi (Kenya). Esta delegación, que inclúe persoas de Asia (Indonesia, India, Corea do Sur e Xapón), África (Zimbabue, Sudáfrica, Kenya, Mozambique, etc.), Europa e América, unirase aos miles de participantes doutras organizacións da sociedade civil e movementos de todo o planeta para oporse á décima Conferencia Ministerial da OMC.

En Nairobi, a Vía Campesina colaborará tamén cos eventos da Marcha Mundial das Mulleres en Kenya, o Center for Contitution Implementation (Asociación que traballa pola implementación da Constitución de Kenya de 2010) e Bunge la Mwananchi (plataforma de colectivos sociais de Kenya que loita contra a pobreza).

Na presente conferencia, a OMC pretende forzar a aplicación do coñecido como paquete de Bali, para a Vía Campesina “o destrutor multilateral de labregos e labregas. A axenda da conferencia non só inclúe unha maior liberalización do comercio, senón que esta liberalización é o principal obxectivo. As multinacionais e empresas agrícolas buscarán destruír as poucas políticas públicas que aínda protexen certos sistemas nacionais de abastecemento de alimentos. A Vía Campesina cre que non se pode permitir que isto aconteza en Nairobi.

Homenaxe a Lee Kyun Hae, o labrego que se suicidou en protesta contra a OMC

Nós, labregos e labregas, homes e mulleres de todo o mundo, organizámonos para loitar e acadar unha soberanía alimentaria na que os gobernos nacionais apoien as comunidades rurais, as súas culturas e tradicións. Só o conseguiremos se silenciamos as voces poderosas das empresas e dos seus grupos de presión dentro da OMC, que queren rematar coa denominada cláusula de paz; e se os gobernos nacionais poden protexer os seus sistemas agrícolas e alimentarios.

E para chegar a isto, téñense programado diferentes actividades e accións entre o 14 e o 17 de decembro. Algunhas delas son actividades nos YMCA Central Hostels, como un seminario sobre os 20 anos da OMC que comezou onte e rematará hoxe; ou unha marcha en memoria de Lee Kyun Hae, o labrego coreano que se suicidou nun acto de protesta contra unha OMC que estaba a arruinar o medio de vida dos labregos e labregas do seu país no ano 2003.

Labregos contra a OMC