A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Internacional>
  5. Un paso cara a adiante no proceso para termos unha Declaración Universal sobre os Dereitos Labregos na ONU

Un paso cara a adiante no proceso para termos unha Declaración Universal sobre os Dereitos Labregos na ONU

4 de Outubro do 2017

Dereitos labregos

A Vía Campesina, FIAN International e CETIM, así como as súas contrapartes, comprácense en anunciar que o Consello de Dereitos Humanos da ONU adoptou por ampla maioría unha nova resolución sobre os dereitos dos labregos e das labregas. Despois de varios anos de arduo traballo, esta é unha vitoria sen precedentes para a defensa dos dereitos da poboación rural do mundo.

Xenebra, 3 de outubro de 2017 – A resolución sobre os dereitos dos labregos e das labregas foi adoptada polo Consello de Dereitos Humanos con 34 votos a favor, 11 abstencións e 2 en contra. Esta resolución dá ao grupo de traballo o mandato de finalizar a “Declaración sobre os dereitos dos labregos e das labregas e outras persoas que traballan nas zonas rurais”. Grazas a esta decisión, agardamos ver a Declaración adoptada polos estados membros da ONU en 2018.

Algúns dos dereitos incluídos na Declaración son os seguintes:

  • Dereitos aos recursos naturais e o dereito ao desenvolvemento: Os labregos e as labregas e outras persoas que traballan nas zonas rurais teñen dereito a acceder aos recursos naturais presentes na súa comunidade e necesarios para gozar de condicións de vida axeitadas, e a utilizar eses recursos. Teñen dereito a participar na xestión destes recursos e a disfrutar, individualmente ou en comunidade con outras, dos beneficios do seu desenvolvemento e conservación na súa comunidade
  • Dereito á alimentación e á soberanía alimentaria: Os labregos e as labregas e outras persoas que traballan nas zonas rurais teñen dereito á unha alimentación axeitada e o dereito fundamental a estar protexidas contra a fame. Isto inclúe o dereito a producir alimentos e ter unha nutrición axeitada segundo as súas necesidades e particularidades sociais e culturais, o que garante a posibilidade de disfrutar do máximo grao de desenvolvemento físico, emocional e intelectual. Os e as titulares de dereitos recoñecidos por esta Declaración teñen dereito á soberanía alimentaria. A soberanía alimentaria é o dereito dos pobos a unha alimentación saudable e culturalmente axeitada, producida mediante métodos socialmente xustos que teñan en conta consideracións ecolóxicas.
  • Dereito á terra e outros recursos naturais: Os labregos e as labregas e outras persoas que traballan nas zonas rurais teñen dereito, individual e colectivamente, ás terras, ás masas de auga, ás augas costeiras, ás pesquerías, aos pasteiros e aos bosques que precisan para alcanzar un nivel de vida axeitado, ter un lugar para vivir en seguridade, paz e dignidade e desenvolver a súa cultura.
  • Dereito ás sementes: Os labregos e as labregas e outras persoas que traballan nas zonas rurais teñen dereito ás sementes, en particular: a) O dereito a protexer os coñecementos tradicionais relativos aos recursos fitoxenéticos para a alimentación e a agricultura. b) O dereito a participar da distribución equitativa dos beneficios derivados da utilización de recursos fitoxenéticos para a alimentación e a agricultura. c) O dereito a participar na toma de decisións sobre cuestións relativas á conservación e o uso sostible dos recursos fitoxenéticos para a alimentación e a agricultura. d) O dereito a conservar, utilizar, intercambiar e vender sementes ou material de multiplicación conservados nas explotacións agrícolas.

Dereitos labregos