A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. O SLG en Roma para reclamar unha agricultura europea que protexa a terra, a saúde, o traballo e a dignidade labrega

O SLG en Roma para reclamar unha agricultura europea que protexa a terra, a saúde, o traballo e a dignidade labrega

22 de Marzo do 2017

25 marzo Roma

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, e o asesor da Executiva do SLG, Xosé Ramón Cendán, atópanse en Roma para participar nos actos reivindicativos que organiza a Coordinadora Europea da Vía Campesina con motivo do 60 aniversario do Tratado de Roma. De seguido, para enmarcar esta viaxe de traballo e loita, transcribimos o comunicado emitido hai unhas semanas pola ECVC anunciando as accións previstas para o 25 de marzo.

Chamamos ás organizacións da Coordinadora Europea da Vía Campesina, aos grupos aliados, ás redes cidadás, e a todo o movemento labrego e pola soberanía alimentaria en Europa a mobilizarnos este 25 de marzo -ao cumprirse os 60 anos do Tratado de Roma- por outra Europa, por unha que coide a súa poboación e non que protexe os intereses corporativos, por unha política agrícola que forneza alimentos de calidade, ingresos dignos aos produtores e produtoras, traballo decente e protexa o medio ambiente.

Os obxectivos establecidos no Tratado de Roma e a Política Agraria Común (PAC) levan xa 60 aos suspendidos no aire. No seu canto, temos visto unha serie de medidas postas en marcha polas institucións europeas que só beneficiaron unha axenda comercial controlada polos grandes intereses corporativos.

A pesares de seren mencionados no acordo fundador de 1957, obxectivos fundamentais tales como garantir unha vida xusta á poboación agrícola, estabilizar os mercados, e asegurar o subministro de alimentos a Europa con prezos que sexan accesibles para todos os consumidores e todas as consumidoras, foron en grande medida ignorados nas políticas agrícolas das últimas décadas.

Considerando a débeda aínda pendente co mundo labrego, coas rexións rurais da Unión Europea, e co resto da súa poboación, a ECVC xunto cunha extensa coalición de asociacións da sociedade civil -grazas ao esforzo do noso membro italiano e anfitrión deste encontro, a Associazione Rurale Italiana ARI-, cuxo traballo ampliou a grande escala a plataforma da ECVC a outros movementos e organizacións sociais en Italia- levarán a cabo unha serie de accións para recuperar os obxectivos de seguridade alimentaria iniciais deste acordo e, ao mesmo tempo, rexeitar a súa dimensión produtivista, hoxe en día obsoleta. No seu canto, queremos que se incorpore unha visión adaptada aos desafíos que actualmente afronta a nosa sociedade como son a saúde pública, ameazas ao medio ambiente e a xustiza social.

Tod@s xunt@s este 25 de marzo por unha PAC que sirva aos pobos!

Basta xa de tantas décadas de políticas destrutoras!

Pola terra, o traballo, a saúde e a dignidade!

Cartaz 25 marzo