A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O Sindicato Labrego denuncia o abandono de funcións da Consellaría de Medio Rural na vendima 2014

O Sindicato Labrego denuncia o abandono de funcións da Consellaría de Medio Rural na vendima 2014

22 de Septembro do 2014

Mesa do Viño en Rías Baixas 2012

O Sindicato Labrego Galego ofreceu, o 19 de setembro, xunto a UUAA, unha rolda de prensa en Pontevedra para denunciar o desleixo de funcións da Consellaría de Medio Rural diante da vendima de 2014 en Rías Baixas, unha actitude de abandono que tamén percibimos nas outras denominacións de orixe vinícolas.

O encargado de falar en nome do SLG foi Salvador Martínez, coordinador da nosa organización agraria no sur de Pontevedra: “En Rías Baixas” lembra Salvador, “o sector comezou a traballar en 2013 con suficiente antelación para desenvolver un contrato homologado ao longo do presente ano de cara a fixar as condicións de compravenda da uva. Nesta mesa de traballo tiña un papel fundamental a Consellaría de Medio Rural, que mesmo adoptou unha serie de compromisos para traballar polo futuro do sector nesta denominación de orixe: un estudio dos custes de produción da actividade vitícola, algo esencial para chegar a un consenso sobre o prezo mínimo da uva; convocar aos diversos axentes do sector regularmente na mesa do viño; ou buscar instrumentos de financiamento que garantan o pago da uva en tempo ás explotacións vitícolas por parte das adegas, figuraban entre os devanditos compromisos. A pesares de que nos debiamos reunir xa na pasada primavera (marzo ou abril), estamos en plena vendima e Medio Rural non deu aínda sinais de vida, o que evidencia o seu abandono na tarefa de coordinar, dinamizar e traballar para solucionar problemas e potenciar na denominación de orixe Rías Baixas, en particular, e en todo o sector vitivinícola galego, en xeral”.

Respecto da vendima 2014, Salvador Martínez explicou que “estamos nunha campaña moi diferente da anterior e complicada para o sector produtor, o cal facía moi necesario que os diversos axentes do sector sentásemos para falar. Nesta vendima, debido ao alto grao de humidade, está a haber unha forte incidencia de enfermidades nas vides, apuntando as primeiras estimacións a unha colleita por baixo dos 25 millóns de quilos, lonxe dos 34 millóns de quilos do ano pasado. Por outra banda, e en positivo, a denominación de orixe experimentou un incremento das vendas con respecto á campaña pasada. Tanto a caída da produción como o aumento das vendas son novidades nesta denominación de orixe que se deberían traducir nun aumento do prezo das uvas con respecto á vendima pasada. Por desgraza, e por abandono da Consellaría de Medio Rural, a vendima xa está moi avanzada e os axentes do sector non puideron debater e chegar a consensos en cuestións tan importantes como as devanditas”.