A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O Congreso de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego elixiu Belén Fervenza como nova responsábel do sector

O Congreso de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego elixiu Belén Fervenza como nova responsábel do sector

1 de Xuño do 2015

Henrique Outes e Belén Fervenza

Belén Fervenza Couñago, labrega na parroquia de Reboreda, en Redondela (Pontevedra), foi elixida, o 31 de maio, nova responsábel de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego. A súa elección aconteceu na parroquia de Tabeirós (A Estrada), lugar elixido polo SLG para celebrar o seu Congreso de Horta, Froita e Flor, evento que se organiza cada catro anos para formar a nova dirección sectorial na organización e definir a axenda de traballo até a seguinte cita congresual. Belén substitúe así ao anterior coordinador do sector, Miguel Méndez, e contará coa colaboración dun labrego da Costa (Rois) como vicerresponsábel: Henrique Outes.

A elección de Belén e de Henrique producíase tras unha xornada de intensos debates ao redor dun relatorio do que xa se teñen adiantado as liñas xerais No Fouce, o voceiro do SLG (nº 307, páxs. 10 a 12). Na primeira parte, o documento denuncia aspectos como a grave crise provocada por unha situación continuada de baixos prezos, as marxes abusivas, a crecente entrada de hortalizas importadas de dubidosa calidade, a imposición maioritaria dun modelo intensivo altamente dependente e contaminante, a falla dunha estrutura comercial forte que favoreza a venda directa sen intermediarios, a perda progresiva do noso patrimonio de sementes autóctonas ou a debilidade asociativa no sector, entre outros.

Trátase de problemas que tamén se dan noutros sectores, do mesmo xeito que se dá a inexistencia de políticas a nivel galego, por parte da Consellaría de Medio Rural, para tratar de facerlles fronte. A falla de solucións institucionais, o relatorio do Congreso de Horta, Froita e Flor do SLG fai propostas baseadas no principio da soberanía alimentaria como a creación dunha mesa de prezos que marque valores mínimos para os alimentos en orixe por baixo dos cales haxa intervención pública; o fomento da organización de produtores e produtoras en cooperativas baseadas nun funcionamento democrático; a promoción do consumo público de froitas e hortalizas galegas en colexios, hospitais, xeriátricos ou actos institucionais; a protección e incremento no uso das sementes autóctonas; perseguir a fraude na etiquetaxe sobre a orixe dos alimentos; apoio, promoción e financiamento das canles curtas de comercialización; adaptación das normas sanitarias que rexen a transformación de alimentos á dimensión da agricultura labrega; ou medidas para prohibir os transxénicos ou minimizar o uso de agrotóxicos e derivados.

Previamente ao congreso, en numerosas asembleas comarcais ao longo do país, elixíronse as persoas que integrarán a Dirección de Horta, Froita e Flor do SLG, órgano que se encargará de todo o traballo referente a estes sectores no Sindicato Labrego Galego durante os vindeiros catro anos.

Congreso de Horta do SLG