A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG informa en Castrelo de Miño sobre a nova normativa vitícola para suplir a parálise de Medio Rural

O SLG informa en Castrelo de Miño sobre a nova normativa vitícola para suplir a parálise de Medio Rural

29 de Xaneiro do 2016

Xornada SLG viño Castrelo

O Sindicato Labrego Galego celebrou, o 28 de xaneiro, en Castrelo de Miño, unha xornada informativa ao redor da nova normativa da Política Agraria Común para o sector vitícola que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2016. Para levala a cabo, o SLG contou coa colaboración do responsábel técnico do sector do viño na Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), Carlos Mateos.

Para Xosé Manuel Parente, coordinador desta xornada e responsábel do SLG na comarca do Ribeiro, “o principal cambio na normativa foi que, dende o 1 de xaneiro, desapareceron os dereitos de plantación de viñedo e, polo tanto, xa non se poderán mercar ou vender, tal e como se viña facendo até o de agora. A partir desa data, en caso de querer plantar nova superficie de viñedo, hai que solicitarllo á Administración, no caso galego á Consellaría de Medio Rural, entre o 1 de febreiro e o 15 de marzo de cada ano, e será a Administración quen faga a concesión ou a denegue en base a unha serie de baremos”.

Precisamente, o SLG organizou esta xornada informativa diante da parálise da Consellaría de Medio Rural, que non está a facer nada para informar ou asesorar ao sector do viño dunha enorme batería de cambios normativos que xa entraron en vigor e que implican que a semana que vén, a partir do 1 de febreiro, xa se poderán facer solicitudes de plantación.

Evidentemente, estas normas son de vital importancia para a nosas denominacións de orixe vinícolas e para o sector viticultor galego na súa totalidade. Por desgraza, Medio Rural segue a facer gala da mesma absoluta parálise da que adoeceu nos últimos anos, incapaz de convocar aos axentes do sector para dialogar e organizarse antes das vendimas de cara a negociar prezos e condicións de venda das uvas, por exemplo. Por non cumprir, a Consellaría nin sequera cumpre promesas concretas como a de realizar un estudo dos custes de produción en Rías Baixas de cara a axudar no proceso de construír prezos de referencia, un traballo ao que se comprometeu nas dúas últimas campañas sen que o cumprise a día de hoxe. Dende o SLG agardamos que a nova conselleira, Ángeles Vázquez, o faga mellor que a súa antecesora e, cando menos, faga as xestións necesarias para que a rede de oficinas agrarias comarcais informen e asesoren axeitadamente ao sector; mais visto o visto até o de agora, non podemos deixar de ser pesimistas.

Xornada viño SLG Castrelo de Miño