A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Outro rural é posible (1): Bernardo Estévez Villar

Outro rural é posible (1): Bernardo Estévez Villar

21 de Outubro do 2016

Bernardo Estévez

Dende mozo, Bernardo tivo a súa vida laboral solucionada traballando no taller mecánico do pai no barrio de Coia, en Vigo. Mais semella que o sangue ten memoria, pois algo turrou por el cara ás terras dos seus devanceiros en Arnoia, e cara a unha tradición perdida no xeito de traballar as viñas que se remonta séculos atrás no tempo. Se cadra, a viticultura do século XXI xa se practicaba no XIX e esquecemos a súa esencia por unha mal entendida modernidade. Comprobémolo cun arqueólogo do viño que resucita co seu paciente traballo as esencias do auténtico Ribeiro.

Como acaba un mecánico vigués elaborando viño en Arnoia?

Foi algo paulatino. Hai trece anos, mentres traballaba no taller en Vigo, xa viña as fins de semana ao Ribeiro para comezar a plantar as viñas. De primeiras, vendía a uva para fóra. Cando deixei Vigo para vir vivir a Arnoia elaborando viño, xa tiña experiencia e os viñedos en produción.

Pero como puido xurdir en ti a vocación pola viticultura?

A miña relación co mundo do viño vén de vello. Meu avó tiña viñedos, adega propia de colleiteiro e facía de corredor para grandes adegas nos anos cincuenta. Miña nai tamén tiña viñas e eu, dende os catro anos, xa tiven relación coa viticultura.

Sería aos 28 cando sentín verdadeiro interese e empecei a ler libros sobre o tema e a investigar as orixes do Ribeiro, amais de facer labores que antes non facía, como podar as vides. Foi así como me decatei que quería mudar o meu xeito de vida e que quería dedicarme á viticultura, primeiro traballando os viñedos e vendendo uva e, posteriormente, elaborando o meu propio viño.

Daquela, xa tiñas unha base material para empezar.

Non. Ao comezo, partín de cero facendo viñedos propios, comprando terras e plantando; non utilicei as viñas da familia. Só cando decidín vir vivir a Arnoia, hai seis anos, comecei a adoptar as viñas da familia, tanto da miña como da miña compañeira, incorporando viñedo vello ao meu proxecto xunto ao que eu plantei hai trece anos.

E non tiveches problema en incorporar as vellas plantacións ao teu proxecto vitícola?

Aínda que non mudou moito o xeito de traballar estas viñas, si mudei a filosofía e a concepción do traballo. Abandonei toda orientación cara a un viño industrial e apostei por unha viticultura natural e biodinámica na que non utilizo ningún tipo de substancia química. A estrutura das viñas segue sendo a mesma, con algúns cambios facendo enxertos para recuperar castes autóctonas do Ribeiro que están case desaparecidas.

Polo que vexo, o teu proxecto vitícola está moi baseado na diversificación das fincas e das uvas.

Actualmente, teño varios viñedos repartidos entre o Val de San Vicente e o Val de San Amaro, en Arnoia, e que suman case dúas hectáreas e media. En canto ás castes, cultivo 16 variedades: 9 tintas (Marela, Caíña da Terra, Carabuñeira, Brancellao, Sousón, Ferrol, Caíño Bravo, Roriz e Mencía) e 7 brancas (Lado, Treixadura, Godello, Silveiriña, Verdello antigo, Loureira e Albilla).

Que viño xorde desa listaxe interminable de castes?

Non fago viños monovarietais nin baseados en determinadas porcentaxes de uva. O meu viño é como o que se elaboraba no pasado no Ribeiro, con moita mestura de uva e moita mestura de procedencias das distintas zonas dos vales. É un xeito de facer o viño na propia viña e non na adega.

Explícame iso.

O equilibrio final que alcanzan os meus viños constrúese dende as cepas. O produto final é resultado de irse compensando cos distintos tipos de solo, de orientación, de uva; acadando con esa mestura o equilibrio de acidez, madurez e estrutura desexados.

Fálame entón dese produto final.

Produzo cada ano unhas 3.000 botellas de viño branco baixo a marca Issué. Tamén fago un tinto, Mai, que elaboro dende 2011 e comezarei a comercializar a finais deste ano, pois o teño entre un ano e medio e dous na adega para que madure.

Na Galiza, non é algo moi usual deixar madurar o viño tanto tempo.

Os viños do Ribeiro nunca foron viños do ano. Agora sono por necesidades comerciais na produción industrial. Pero os viños do Ribeiro caracterizáronse sempre por ser moi estruturados e aguantar moito tempo, de maneira que o mellor destes viños podemos acadalo a partir dos dous anos de maduración.

Este xeito de traballar pouco ten que ver coa homoxeneización á que nos teñen afeitos cos viños galegos.

Eu tento retrotraerme ao século XIX, cun traballo semellante ao que se facía daquela na viña adaptándoo aos nosos tempos, con matices novos, pero todo baseado na experiencia. Creo que aí localizamos un dos problemas da viticultura galega: a ruptura xeracional que non soubo transmitir os coñecementos tradicionais; non só na viticultura; é algo extensible ás outras producións agrícolas e gandeiras. Ese é un reto, buscar e recuperar o xeito de traballar que había antes. Só cun obxectivo: producir alimentos ou elaboralos fieis ao territorio do que proceden, distinguilos dalgún xeito.

É rendible unha aposta tan radical pola calidade?

A curto prazo, non. O ideal sería que eu agora non tivese que facer todo este traballo de observación, de ensaios, de proba, de apertura de mercados, etc. En rexións vinícolas cun potencial inferior ao noso, como Burdeos ou Borgoña, todo ese traballo xa vén feito: a túa familia deixouche unhas viñas, unha marca de viño, unha maneira de facer as cousas e a sabedoría ancestral necesaria para facelas. O problema no caso das denominacións de orixe galegas é que non houbo transmisión de saberes, polo que calquera experiencia como a miña, que quere nutrirse da tradición, debe partir de cero. Iso é rendible? De primeiras, non. Para conseguir que un viñedo comece a producir cunha condicións mínimas de calidade e cantidade tes que agardar un mínimo de dez anos. Eu aínda estou no inicio do proceso. Este é o quinto ano que elaboro viño, e é aínda cedo para ter un nicho de mercado estable.

Os expertos gaban o teu viño, e hai moitos artigos da prensa especializada que tamén. Inflúe iso nas vendas?

Non axudan a vender, pero si que fan que o teu viño sexa máis coñecido. O gran problema que temos as adegas pequenas que comezamos é que non temos espazos nin medios para darnos a coñecer, non temos capacidade económica para acudir a feiras sectoriais ou para investir en promoción. E os consellos reguladores apoian fundamentalmente a grandes adegas e industrias. Por iso é importante aparecer en artigos, revistas, blogues, porque é o único que che queda. Facer as cousas ben non che garante que vaias vender.

Cal é o resultado final de todo este traballo, desta aposta pola tradición e a calidade?

Eu creo que fago un viño respectuoso coa miña zona, co solo, co clima, coas variedades de uva, cos vales. O meu viño é un reflexo auténtico da terra de Arnoia e do Ribeiro, a pesares de que non se pareza a ningún Ribeiro que se elabore hoxe en día. Só emprego uvas autóctonas de aquí, cultivadas e traballadas aquí, sen empregar ningún tipo de abono externo ou fitosanitarios. É un viño fiel ao seu territorio e, ademais, natural. Considero isto último importante pois, aínda que o viño é para disfrutalo, non deixa de ser un alimento e, como tal, debe ser san.

Bernardo Estévez Villar