A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. COAG e SLG reclamamos prioridade para xente moza e profesionais nos dereitos de plantación de viñedo

COAG e SLG reclamamos prioridade para xente moza e profesionais nos dereitos de plantación de viñedo

14 de Decembro do 2016

Plantación de viñedo

O 12 de decembro, COAG e SLG reclamamos, na xuntanza do grupo de traballo sectorial no Ministerio de Agricultura en Madrid, uns criterios máis xustos nas autorizacións para plantar viñedo. E fixémolo volvendo defender a necesidade de mudar os criterios de adxudicación de viñedos nos repartos vindeiros, xa que nos actuais estanse a primar persoas alleas ao sector agrario, o cal supón unha clara discriminación para a mocidade labrega e os/as profesionais da viticultura

En concreto, as nosas críticas cara ao actual rexime de concesión de autorizacións de plantación de viñedo, todas válidas tanto para Galiza como para o resto do Estado, foron as seguintes:

  • Cos criterios actuais, nalgunhas comunidades autónomas hai solicitantes que recibiron máis hectáreas cás dunha explotación media, o que supón comezar gratis a actividade superando a media de superficie que posúen os viticultores e as viticultoras profesionais. Ademais, esas mesmas solicitantes, se non plantan até 2019, poderán seguir pedindo máis plantacións nos dous vindeiros anos.
  • Moitas das persoas beneficiadas nin son nin serán nunca viticultoras, xa que os criterios para ser considerad@ “Xefa/e de explotación” permiten case a calquera poder solicitar plantacións. O que sucedeu foi que moitas solicitudes foron feitas por mozos e mozas que non teñen relación coa viticultura, utilizados como testaferros coa intención de pasar, ao cabo duns anos, as viñas aos seus verdadeiros cultivadores.
  • Ficaron sen plantacións os mozos e as mozas viticultores/as que se deron de alta nos últimos anos, co agravante de que se para estas adxudicacións é requisito indispensable non contar con viñedo ao seu nome, para poder acceder á axuda de primeira instalación moitos e moitas tiveron que mercar dereitos de plantación.
  • Por outra banda, e ao non existir limitación na cantidade de superficie concedida, beneficiáronse máis quen maior superficie solicitaron.
  • Tamén quedaron fóra do reparto as pequenas explotacións vitícolas que precisan aumentar viñedo para a súa propia supervivencia.

Contra esta inxusta situación, dende COAG e SLG propuxemos os seguintes criterios de adxudicación: 

  • En primeiro lugar, todos e todas @s solicitantes deberían demostrar a capacidade e competencia profesionais como agricultores, para o que debería definirse máis claramente a figura de “Xefa/e de explotación” para mozos e mozas sen viñedo.
  • A prioridade nas adxudicación debería ser para os mozos e as mozas, nov@s e pequen@s viticultores/as. De seguido, para pequen@s viticultores/as profesionais que sexan explotación prioritaria e teñan menos viñedo que a media. E, ao final, se sobran plantacións, para o resto de solicitantes.
  • En calquera dos casos, debería limitarse a concesión a un máximo de hectáreas por solicitante na totalidade das adxudicacións.