A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG pide a compensación do lucro cesante das explotacións afectadas pola couza guatemalteca

O SLG pide a compensación do lucro cesante das explotacións afectadas pola couza guatemalteca

30 de Marzo do 2017

Couza guatemalteca

O Sindicato Labrego Galego quere chamar a atención sobre a necesidade de indemnizar todas aquelas explotacións da área en corentena pola couza guatemalteca que producen pataca para vender. Trátase de explotacións de horta ou mixtas que dedican unha considerable superficie cada ano á plantación de pataca para a súa venda directa ou a almacenistas que, por mor das restricións impostas pola Consellaría de Medio Rural, terán cuantiosas perdas este ano ao non poder cultivar.

Cómpre ter en conta que a prohibición de plantar se fixo dunha maneira precipitada e a última hora, cando a Consellaría de Medio Rural tivo toda a información e datos precisos para tomar a decisión entre outubro e novembro; porén, impuxo as restricións recentemente, en plena época de plantación, polo que agora case non hai marxe de manobra para substituír os cultivos por outros e planificar unha nova campaña.

Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego Galego cominamos á Consellaría de Medio Rural a que, á hora de fixar indemnizacións, cubra tamén o lucro cesante das explotacións que cultivaban pataca para vender. Na zona afectada, segundo nos fixeron saber produtores e produtoras afectadas, a produción de pataca está en torno aos 25.000 quilos por hectárea. Vendéndoas a un prezo medio duns 45 céntimos por quilo, que é ao que se adoita pagar na zona afectada, esas patacas xerarían uns ingresos 11.250 euros por hectárea, aos que teriamos que restar uns 3.000 euros polos custes de produción. Polo tanto, o lucro cesante das explotacións afectadas debería roldar uns 8.000 euros por hectárea, e é responsabilidade directa da Consellaría de Medio Rural abonalos se realmente quere afrontar a crise da couza con todas as garantías e, de paso, compensar as consecuencias da súa demora e falta de planificación á hora de actuar.