A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG pide a convocatoria urxente do Consello Agrario Galego para articular axudas polos danos das xeadas

O SLG pide a convocatoria urxente do Consello Agrario Galego para articular axudas polos danos das xeadas

29 de Abril do 2017

Xeada no viñedo

Dende o Sindicato Labrego Galego, instamos á Consellaría de Medio Rural realizar unha valoración exhaustiva dos danos e sectores afectados polas últimas xeadas e a convocar, urxentemente, o Consello Agrario Galego para estudar a posta en marcha de axudas e medidas de compensación para aqueles viñedos e leiras que se viron afectados.

Temos que denunciar, unha vez máis, a indefensión de boa parte dos labregos e labregas de Galiza que, no meirande, non subscriben seguros agrarios porque as pólizas non se adaptan á realidade do país, adoitan a ser moi caras e, decotío, as indemnizacións a que che dan dereito son insuficientes. Un bo exemplo témolo no sector vitícola, un dos máis castigados polas xeadas. Aquí, temos casos como o da uva Godello, que normalmente cotiza a un valor ao redor de 1 euro, pero pola que o seguro só che dá unha indemnización de 40 céntimos en caso de perda, cando outras castes como Treixadura obteñen compensacións de 80 céntimos, máis axustadas á realidade. Ademais, os seguros agrarios experimentaron un notable incremento no último ano, polo que cada vez son menos explotacións as que están dispostas a subscribilos.

Por iso, ademais de acordar medidas de apoio para compensar as perdas, dende o SLG instamos a Medio Rural a estudar a fondo os prezos e coberturas dos seguros agrarios para reclamar, ao Ministerio de Agricultura, que se adapten ás necesidades e realidade dos nosos sectores agrarios e sexan, realmente, unha ferramenta para prever de maneira efectiva crises como a actual.

Xeada no viñedo