A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. A sarabia arrasa a produción vitícola en Vilamartín e O Barco de Valdeorras e o SLG pide declaración de zona catastrófica

A sarabia arrasa a produción vitícola en Vilamartín e O Barco de Valdeorras e o SLG pide declaración de zona catastrófica

12 de Maio do 2017

Viñedo sarabia

O que non destruíron as xeadas de abril en Valdeorras -que afectaron ao 70% das vides- ficou arrasado trala sarabia e as choivas torrenciais do serán do martes, 9 de maio. Así aconteceu nos viñedos onde se concentrou a sarabiada, principalmente nos municipios de Vilamartín e O Barco.

Porén, as parcelas máis castigadas foron as de Vilamartín, pois tras ser un dos concellos máis afectados polas xeadas de abril (xunto a outros como Larouco e A Rúa-Petín, e as parroquias d'As Ermitas e Chandoiro n'O Bolo), que queimaron o 90% das súas vides; agora a sarabia arrasou o que quedaba nas 142 hectáreas de viñedo que ten este municipio, cun rendemento medio estimado de 10.000 Kg/Ha. En total, estamos a falar dunhas perdas preto do millón e medio de quilos de uva.

A Consellaría de Medio Rural debe articular compensacións urxentes e poñerse a traballar xa na adaptación dos seguros agrarios á realidade galega

Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos que a Xunta deixe de marear a perdiz e faga un estudo en detalle dos danos causados para, de seguido, habilitar axudas especiais para compensar os estragos como xa se fixo o ano pasado na Ribeira Sacra e, se cómpre, declarar Valdeorras zona catastrófica.

Outra materia pendente da Consellaría de Medio Rural é a de traballar para que os seguros agrarios se adapten á realidade galega, xa que, actualmente, as pólizas non serven por moito que a Consellaría de Medio Rural porfíe na necesidade de contratalas. Cómpre pensar que moitos viticultores e viticultoras, ao ter pequenas superficies de viñedo e pouca produción, non subscriben seguros porque lles resulta moi caro; e os que si contratan as pólizas, fano sabendo que as coberturas son insuficientes e non compensan en caso de sinistro. A denominación de orixe Valdeorras é un bo exemplo disto: a póliza para asegurar a uva Godello, emblemática desta zona, custa 500€ até 20.000 quilos de produción; e 900€ até 40.000. En canto ás indemnizacións, o seguro pagaría 58 céntimos por quilo, cando esta uva cotiza a 1 € ou máis cando se vendima; no caso da uva Mencía non se mellora moito, con coberturas de 63 céntimos por quilo. Ademais, obríganche a asegurar todas as parcelas que tes inscritas no Rexistro Vitícola, algo entendible en grandes superficies coma no resto do Estado, pero absurdo cunha estrutura da terra minifundista como a de Galiza, onde nunhas parcelas será aconsellable ter seguro e noutras non, por estar menos expostas a enfermidades ou inclemencias climáticas; isto último encarece aínda máis as pólizas.

Está claro que non podemos loitar contra as incidencias climáticas, pero si prevelas. Por iso, dende o SLG entendemos que a Consellaría de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura teñen unha responsabilidade directa ao non ter traballado na creación duns seguros agrarios adaptados ao viñedo galego, e teñen agora a obriga de compensar uns danos que poderían ter estado cubertos de ter feito a Administración os seus deberes.