A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. "Cos sistemas de sanidade vexetal actuais, a couza guatemalteca vén para quedar", por Anxo Pérez Rúa

"Cos sistemas de sanidade vexetal actuais, a couza guatemalteca vén para quedar", por Anxo Pérez Rúa

1 de Xuño do 2017

couza guatemalteca

No Fouce 315, o técnico do Sindicato Labrego Galego na comarca da Limia, Anxo Pérez Rúa, reflexiona sobre a expansión dunha nova praga, a couza guatemalteca, que mantén en xaque un dos principais cultivos e alimentos da Galiza: a pataca. 

A pataca, dende que se introduciu en Europa procedente de América no século XVI, foise facendo pouco a pouco un oco na dieta do vello continente. Así, chegou a ser un cultivo fundamental e un quitafames na meirande parte de Europa, dado que se cultivaba en períodos libres de xeadas e se desenvolvía baixo terra, feito que facía que non estivesen tan expostas ás adversidades climáticas como os cereais, chegando a ser unha especie de seguro alimentario.

Pero a intensificación do cultivo da pataca tamén trouxo aparellada a aparición de pragas e doenzas. A importancia do cultivo da pataca como alimento básico da poboación e a incidencia, cada vez máis importante, dos problemas fitosanitarios neste cultivo, quedaron reflectidos en moitos libros de historia con episodios como a fame negra irlandesa causada pola escaseza de pataca entre 1845 e 1849 a casa do mildeu; o que xa non contan tanto os libros de historia é que a causa principal desa fame negra, xunto coa escaseza de patacas, foi o acaparemento exclusivo por terratenentes das superficies cerealeiras de Irlanda e do Reino Unido.

Que a pataca é un cultivo cunhas altas propiedades alimenticias e cunha gran versatilidade na cociña é innegable, tanto soas como acompañadas, recibindo numerosas aplicacións culinarias: fritas, en tiras ou en toros, chips, cachelos, panadeiras, bravas, en puré... Na industria, as patacas feculeiras empréganse para a obtención de féculas, almidóns e glucosa, con multitude de aplicacións.

Respecto ao consumo en fogares, a media estatal de patacas frescas chega aos 30 quilos per cápita, sendo maiores os niveis de consumo en Galiza e Asturias, con máis de 47 quilos, seguidas moi de preto por Canarias con 46 quilos per cápita. Este maior consumo coincide coas tres comunidades nas que, casualmente, se acomodou a tan soada Couza Guatemalteca (Tecia solanivora). Trátase dunha praga común e corrente que afecta á calidade comercial das patacas, con danos moi semellantes aos que orixina actualmente a couza común (Phthorimaea operculella) e que xa temos dende hai tempo ben espallada por todo o mundo sen acaparar tanta atención dos medios de comunicación.

O problema desta praga é que está incluída como organismo de corentena na lista A2 da EPPO (Organización Europea para a Protección de Plantas), por ser una praga que estaba circunscrita a unha zona determinada. A couza guatemalteca foi incluída nesta lista no ano 2000, trala súa aparición en Canarias no ano 1999. Posteriormente, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente elaborou un Plan de Continxencia desta praga para erradicala e evitar que se espalle por máis rexións. Pero a día de hoxe, é evidente que estas medidas non foron efectivas porque non se erradicou en Canarias e xa chegou á Península polo noroeste.

Estes antecedentes poñen de manifesto que aprobar simplemente unhas medidas de continxencia, sen un apoio económico e técnico para aplicalas, non abonda. O que están a facer agora mesmo o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural limítase á adopción dunhas medidas pasivas, como se a súa publicación no BOE e no DOG fosen atallar, por arte de maxia, o problema.

Que os sistemas actuais de sanidade vexetal non son efectivos ponse en evidencia no caso da couza guatemalteca. Os servizos técnicos non foron quen de detectar a tempo un problema. Cómpre lembrar que foi no ano 2015 cando un particular levou as súas patacas, a título individual, a un laboratorio de referencia, porque viu que tiñan unha doenza descoñecida. A lentitude en reaccionar agrávase o desmantelamento da rede de oficinas agrarias comarcais, que xa só sobreviven como lugares para realizar trámites burocráticos, desprovistas do meirande dos cometidos para os que foron concibidas cando se crearon. Así as cousas, hoxe é imposible saber na Galiza o alcance real da praga. Os xefes de servizo de Sanidade da Consellería de Medio Rural achacan todo esta ineficiencia á globalización, sen recoñecer nin afondar nas eivas dos servizos de sanidade vexetal.

A única medida efectiva para a erradicación da couza guatemalteca pasa por non cultivar patacas, dado que son as súas únicas hospedeiras. Sen patacas, cúrtase o ciclo dunha praga para á que as medidas fitosanitarias non son a panacea. Sabendo como sabemos que o cultivo da pataca está fondamente arraigado en todas e cada unha das aldeas de Galiza, e que a pataca de autoconsumo é un dos piares fundamentais na alimentación de miles de familias, o control efectivo da praga prevese complicado.

Sen minimizar a importancia da praga nos cultivos de patacas, o problema principal da couza guatemalteca é lexislativo. Agora mesmo, a simple presenza da couza guatemalteca nunha zona, limita a libre comercialización da produción a outras zonas coa escusa de evitar o seu posible espallamento. E isto provoca que as zonas declaradas libres da praga teñan unha maior avantaxe comercial.

A día de hoxe, podemos dicir que se perdeu un tempo decisivo na detección da praga, feito agravado ao non ter feito unha prospección seria do seu alcance real dende que soubemos do primeiro caso en 2015 na zona de Ferrolterra. Se cadra, detrás deste desaguisado está o feito de que as diversas autoridades competentes non lle deron a importancia que ten ao cultivo de pataca para autoconsumo e como peza esencial na alimentación de moitas familias, sobre todo no noroeste da Península. Ese desprezo fixo que non se adoptasen a tempo medidas efectivas para erradicar a praga da couza guatemalteca que, visto o visto, sen dúbida veu para quedar.