A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG reclama que Medio Rural asuma xa as súas competencias e responsabilidades na crise das xeadas

O SLG reclama que Medio Rural asuma xa as súas competencias e responsabilidades na crise das xeadas

8 de Xuño do 2017

xeada nas vides

Cando xa pasou un mes dende a sarabiada que arrasou boa parte dos viñedos de Valdeorras, e algo máis dende as fatídicas xeadas de finais de abril que estragaron vides por toda a xeografía galega, a Consellaría de Medio Rural segue sen facer públicos os datos sobre os danos sufridos, tanto no sector vitícola coma noutros como o da mel e o da castaña; e sen crear axudas que realmente axuden ao sector a recuperarse.

Neste tempo, a Consellaría de Medio Rural tentou enganar á sociedade galega reiteradamente co seu mantra de que “o asegurable non é subvencionable”. Pero os seguros agrarios na Galiza, especialmente en sectores como o da horta ou o vitícola, non teñen nada que ver coa realidade do noso país e das nosas explotacións, polo que precisamente estes sectores, a día de hoxe, non son asegurables pola desidia e ineptitude da propia Administración; e, polo tanto, diante de crises como a provocada polas xeadas e as sarabiadas, a Administración é responsable de paliar as perdas como xa fixo o ano pasado na Ribeira Sacra.

Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego, seguimos unidos ao resto de organizacións e colectivos que demandan solucións a esta crise. Cremos que a unidade é fundamental para que as nosas demandas sexan atendidas, da mesma maneira que cremos que as iniciativas en solitario, sen contar co consenso e participación de todos os axentes sociais implicados, só conducen á desunión e debilidade do sector.

Para rematar, lembramos a táboa reivindicativa que defendemos, tanto nas rúas como nos despachos, organizacións e colectivos como Sindicato Labrego Galego, Fruga, UUAA, Asociación de Viticultores do Ribeiro, Asociación de Produtores de Castaña de Viana, viticultores de Monterrei, de Valdeorras, do Ribeiro e da Ribeira Sacra:

  1. Creación, a través das oficinas agrarias comarcais, dun rexistro dos labregos e labregas afectadas e da superficie real danada polas xeadas e que a Consellaría de Medio Rural informe con transparencia sobre a cuantificación dos estragos sufridos.

  2. Creación dunha liña de axudas directas semellante á que se creou para apoiar aos viticultores e viticultoras da Ribeira Sacra afectadas pola sarabia en 2016.

  3. Condonación das cotas á Seguridade Social, como mínimo durante seis meses, e rebaixas no IRPF para os labregos e labregas afectadas.

  4. Liña de créditos sen custes de tramitación e con xuros cero para garantir a liquidez das explotacións afectadas, e negociación de moratorias nos créditos xa subscritos con entidades bancarias.

  5. Renegociación coas compañías aseguradoras das liñas de seguros agrarios para que exista unha oferta aseguradora adaptada ás necesidades reais das nosas producións.

  6. Declaración de zona de emerxencia para as comarcas afectadas.