A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG non asistirá aos premios do Ribeiro en solidariedade cos viticultores e as viticultoras afectadas polas xeadas

O SLG non asistirá aos premios do Ribeiro en solidariedade cos viticultores e as viticultoras afectadas polas xeadas

16 de Xuño do 2017

Premios Ribeiro

O Sindicato Labrego Galego vén de enviar unha comunicación oficial ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro rexeitando asistir á sexta edición da cerimonia de entrega dos Premios do Ribeiro. O motivo de negarnos a participar neste evento, que se celebrará no mosteiro de San Clodio (Leiro) o 20 de xuño, é solidarizarnos cos viticultores e as viticultoras afectadas polos danos das xeadas e que están sufrindo un auténtico desamparo por parte das institucións, nomeadamente da Consellaría de Medio Rural.

Para o Sindicato Labrego Galego resulta insultante non só a falla de apoios a centos de viticultores e viticultoras que teñen, agora mesmo, seriamente ameazado o seu medio de vida polas perdas ocasionadas polas xeadas; senón tamén a teima da Consellaría de Medio Rural en culpabilizalos por non ter subscrito uns seguros agrarios deseñados nos despachos de Madrid que non se adaptan á realidade dos nosos viñedos nin da nosa viticultura. Respectamos e consideramos necesario o labor de promoción que desenvolve a denominación de orixe Ribeiro con eventos como esta entrega de premios; pero cremos que, neste 2017, a viticultura ourensá non está para cerimonias nin festas.