A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG e a Rede Galega de Sementes opóñense ao imposto da industria á agricultura pola reutilización de grans

O SLG e a Rede Galega de Sementes opóñense ao imposto da industria á agricultura pola reutilización de grans

10 de Agosto do 2017

Sementes

O Sindicato Labrego Galego rexeita o convenio marco sobre reemprego de grans para sementeira, asinado recentemente polo Ministerio de Agricultura, a Asociación de Obtentores Vexetais (ANOVE, lobby da industria das sementes) e organizacións agrarias como UPA e Asaja.

Resulta inaceptable que o Ministerio de Agricultura e dous sindicatos do agro acepten que un grupo de empresas privadas cobren por un ben común que é patrimonio da humanidade, como as sementes, que foron melloradas durante séculos, xeración tras xeración, polas familias labregas. Así, as empresas sementeiras van cobrar por un patrimonio da humanidade, cando debería ser ao revés: ser elas as que paguen aos labregos e labregas por poder utilizar ese patrimonio para crear as súas patentes.

Polo tanto, non podemos aceptar que se nos vaia cobrar aos labregos e labregas un novo imposto por producir sementes a partir de grans certificados que mercamos e cultivamos. Cómpre lembrar que as sementes certificadas teñen un alto custe que triplica o prezo do gran, polo que consideramos que nese sobreprezo debe estar incluído o dereito dos labregos e labregas a reutilizar parte do apañado como semente en posteriores campañas sen un custe adicional. Porén, o convenio asinado esta semana obriga a pagar 12 euros por tonelada de gran reempregado, ou unha taxa entre 1 e 3 euros por hectárea cultivada. Este canon deberá pagarse anualmente durante un período de 25 anos.

Na Galiza, onde non hai grandes superficies de cultivo como na Meseta, quizais o custe non sexa excesivamente elevado, pero non deixa de ser unha taxa que un grupo de empresas privadas repercute nas nosas explotacións coa conivencia do Goberno. Este convenio terá un impacto importante en comarcas como A Limia, onde hai grandes extensións de cultivo cerealeiro. Nesta bisbarra, a superficie de cereal cultivada por explotación pode andar ao redor das 15 hectáreas, aínda que hai explotacións que traballan 50 hectáreas ou máis. Se aplicamos as taxas devanditas de 12 euros por tonelada de gran reutilizado -en cada hectárea seméntanse entre 100 e 150 kg de gran- estariamos a falar dun custe superior aos 50 € para unha superficie dunhas 30 hectáreas; se a taxa fose de 3 € por hectárea, xa estariamos a falar dun custe ao redor dos 100 €.

Con independencia do importe, trátase dun custe innecesario que só servirá para baleirar máis o peto dos labregos e labregas e para que a industria das sementes incremente o seu lucro. Ademais, resulta preocupante pensar en que métodos utilizarán as empresas, amparadas polo convenio, para facer efectivo o cobro. Para o SLG, este convenio reforza a posición dunhas industrias que xa nos teñen afeitas a denunciar, levar a xuízo e esixir multas e sancións a labregos e labregas por reutilizar o gran apañado para futuras sementeiras; agora, isto empeora e augúrase un aumento da conflitividade no campo. De feito, hai casos nos que empresas de sementes teñen denunciado a labregos e labregas por atopar trazas das súas patentes en campos de cultivo onde non foron cultivadas por mor de polinizacións cruzadas. Con estes vimbios, seguimos sen comprender que escuros intereses puideron levar ao Ministerio de Agricultura e a dúas organizacións agrarias como UPA e Asaja a poñerse do lado das grandes empresas asinando un convenio que traerá serios prexuízos aos labregos e labregas e que atenta en contra dos seus intereses.

Oposición da Rede Galega de Sementes

Este convenio tamén atopou o rexeitamento da Rede Galega de Sementes (RGS), que dixo deste del que “concede un maior control á industria sementeira sobre a produción de alimentos, neste caso de cereais e oleaxinosas; e aprovéitase de recursos públicos, coa conivencia da administración, para aumentar o seu poder económico”.

A Rede Galega de Sementes defende “o libre uso das sementes por parte das labregas, e opoñémonos a que o noso patrimonio xenético se mercantilice en mans das grandes multinacionais, mediante patentes, royalties, dereitos de propiedade intelectual, de regalía, etc. medidas apoiadas neste novo convenio marco.

De novo, comprobamos con desagrado como a Administración vela máis polos intereses das grandes corporacións que por potenciar que todo o patrimonio xenético permaneza en mans dos labregos e das labregas, que son as que, día a día, co seu traballo no campo, fan esa mellora e adaptación das variedades.

Observamos con preocupación como recursos públicos, coma neste caso as sementes, son postos en mans das empresas, que din velar pola mellora e selección dese patrimonio xenético, nun claro exemplo de privatización dun ben público.

Vivimos un momento no que os dereitos das sementes campesiñas, que son un legado da humanidade, se recortan día a día polo interese das grandes empresas. A falla de información e formación da sociedade sobre estas cuestións, dada a falla de contacto co mundo rural e as súas problemáticas, fan que decisións coma esta pasen case desapercibidas”.

Finalmente, a Rede Galega de Sementes comprometeuse a facer fronte común en “todas aquelas accións que emprendan COAG e Sindicato Labrego Galego -as dúas organizacións agrarias que se opuxeron- para denunciar este novo convenio marco”.

Batalla xurídica

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos expresar as nosas dúbidas sobre os fundamentos xurídicos nos que se basea este convenio de discutible legalidade. Agora mesmo, os nosos servizos xurídicos están a estudar o texto para dilucidar se é conforme a dereito. En caso contrario, iniciaremos accións xudiciais contra a súa aprobación.

Por outra banda, e mentres o convenio siga en vigor, dende o Sindicato Labrego Galego poñemos o noso departamento xurídico ao servizo dos labregos e labregas aos que se lles pretenda cobrar este novo imposto privado para defenderse dos posibles abusos das empresas.