A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. En marcha contra a avespa velutina: Concentración en Compostela reclama un plan de choque urxente

En marcha contra a avespa velutina: Concentración en Compostela reclama un plan de choque urxente

19 de Outubro do 2017

Marcha STOP Velutina

A Marcha Stop Velutina, convocada pola Asociación Galega de Apicultura, partiu hoxe de Santiago de Compostela cunha concentración diante da Xunta de Galicia na que reivindicou á necesidade dun plan de choque urxente para frear o avance da Vespa velutina, que está poñendo en perigo o medio ambiente e a supervivencia das abellas. A Marcha estará por Asturias hoxe e mañán onde continuarán os actos en Luarca e Xixón, pasará o día 21 por Torrelavega na Feira Apícola de Cantabria e para rematar chegará a Euskadi, o domingo 22 en Vitoria e o 23 en Bilbao.

A concentración convocada hoxe pola Asociación Galega de Apicultura con motivo da saída de Marcha Stop Velutina reuniu diante da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela a un numeroso grupo de persoas que instalaron un colmear reinvindicativo, con mensaxes sobre a importancia das abellas, e reclamaron á Administración galega unha serie de reivindicacións sobre o grave problema medioambiental que supón a invasión desta especie exótica invasora, facendo un chamamento ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para que escoite as demandas que se lle entregaron por rexistro este mesmo día e inste á Xunta a que establezca un plan de loita ordenado, coordinado e financiado que permita reducir o número de Vespa velutina cara ó próximo ano e do mesmo xeito accións a longo prazo, relativas á necesaria investigación.

Entre as reivindicacións da marcha están a  implicación de toda a sociedade na loita contra a Vespa velutina,  a través de accións coordinadas pola administración, xa que éste é un problema que nos afecta a todos e todas. Os convocantes da Marcha Stop Velutina reclaman tamén a unión de organismos oficiais, asociacións e outros colectivos para enfrentarse ó problema de xeito global e organizado. Neste sentido, AGA leva tempo solicitando a súa inclusión dentro da Comisión de Seguimento, creada pola Xunta para a xestión deste problema en Galicia, a cal anunciou unha reunión neste mes de outubro e na que a asociación espera sexa convidada a asistir. Outra das reivindicacións da marcha é a necesidade de que este problema sexa tratado dende unha perspectiva medioambiental, pola súa afectación clara e evidente á biodiversidade. Non se trata dun problema só de abellas, están en perigo moitos outros polinizadores e polo tanto o equilibrio do ecosistema.

É por último, é preciso a posta en marcha inmediata e decidida dun plan de choque por parte das administracións para frear o avance e diminuír os graves efectos que está causando o tártago asiático. Un plan que debe contemplar de xeito prioritario a loita preventiva, coa colocación masiva e coordinada de trampas na primavera para a captura de raíñas fundadoras. Por cada raíña atrapada na primavera evitamos 18.000 velutinas no verán. Este trampeo debe ser realizado non só polo sector apícola, como ata agora promoveron dende a administración, senón que por toda a sociedade, implicando a concellos, centros de ensino, asociacións, etc. Para isto, é necesaria unha campaña informativa para que a cidadanía teña toda a información de man sobre como trampear, explicando tamén a gran importancia desta labor. O plan de actuación debe contar cunha liña investigadora que teña como primeiros obxectivos o coñecemento da especie nesta zona xeográfica, para seguir cunha segunda fase encamiñada a atopar mecanismos de loita biolóxica para enfrontarse a ela sen danos medioambientais. E non hai que esquecer ós directamente afectados, apicultores e apicultoras, ofrecéndolle axudas para a reposición das baixas para a recuperación da cabana apícola perdida a causa do ataque da velutina.

Marcha STOP Velutina