A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. As condicións leoninas impostas polas grandes distribuidoras afogan o sector hortícola galego

As condicións leoninas impostas polas grandes distribuidoras afogan o sector hortícola galego

10 de Maio do 2018

Eurobanan

Na última xuntanza da Dirección de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego, presentouse o informe sectorial do ano 2017 no que se fai unha análise que ten como elementos máis destacados a seca e os prezos. Respecto do primeiro tema, constatouse que na maioría das comarcas apenas se solicitaron axudas para a seca, polo que, tal e como denunciou o SLG no seu día, os fondos para paliar os danos pola escaseza de auga están moi mal orientados por parte da Consellaría de Medio Rural e non serven nin para compensar as perdas nin para prever crises semellantes no futuro.

Horta convencional de venda a grandes distribuidoras

En canto aos prezos, naquelas producións máis convencionais e intensivas, seguimos cun modelo no que os maioristas aseguran a compra das colleitas pero non os prezos. Isto crea moita volatilidade e inestabilidade no sector, que ten que asumir, decotío, fortes perdas. Na última campaña, o pemento morrón tivo unha boa cotización, ao redor de 1 €, do mesmo xeito que o pemento de Padrón e os grelos de outono debido á escaseza de produción.

Outra das eivas da venda a grandes distribuidoras como Gadisa, Eroski ou Carrefour é que só recollen hortalizas que cumpren uns determinados criterios de tamaño, calidade ou presenza moi estritos, polo que os produtores e produtoras vense na obriga de buscar unha saída alternativa a través de almacenistas a aquela parte da súa produción que non encaixa neses parámetros.

gadisaPlataforma loxística de Gadisa

 

A pesares destas condicións de venda leoninas, as grandes cadeas de supermercados publicitan de cara á súa clientela o seu compromiso cos produtos galegos. En realidade, están a crear unha falsa demanda, xa que só traballan unha cantidade moi reducida de produtos galegos e coas esixencias das que falamos. Por exemplo, só aceptan leitugas de 300 gramos, o que provoca grandes perdas nas fincas ao ter que desbotar todas aquelas que non acadan ese peso. Isto provocou fortes perdas no Salnés, onde se están a abandonar moitos invernadoiros.

Horta convencional de venda directa

No caso das producións hortícolas convencionais que se venden directamente, os proxectos que mellor están son aqueles multifuncionais que venden, a maiores, outros produtos como carnes, queixos ou conservas.

Neste eido particular, o informe da Dirección de Horta, Froita e Flor do SLG denuncia que o decreto de venda directa non se está a cumprir en case ningunha das prazas e mercados. Non se cumpre coa etiquetaxe, e segue habendo desiformación sobre a orixe dos produtos e a súa trazabilidade.

O informe subliña “a importancia de provocar demanda de producto galego dende a base, xa que a nosa produción de horta debería atender o mercado interno galego, cousa que non se fai de momento. Compre traballar cos produtores e produtoras nunha vía de solución propia: produción conxunta, cooperativismo, asesoramento técnico-económico, observatorio de prezos, etc”.

Horta agroecolóxica

No caso do sector agroecolóxico “a campaña de outono foi moi mala, xa que en moitos casos non se puido plantar a tempo e, debido á escaseza de auga e ás altas temperaturas, os rendementos da produción foron moi baixos. A falla desta produción notouse nos meses de inverno, o que repercutiu negativamente na renda das productoras e dos produtores”.

A nivel xeral, detectouse “un estancamento nos prezos e no consumo, o que unido ás dificultades que ten que atravesar este sector, fai inviables moitos proxectos. A maior parte dos labregos e labregas que fan venda directa, sufren o feito de ter que traballar moitas horas para obter un rendemento económico moi baixo. E quen distribúen en pequenas tendas, sobreviven axudados pola revenda que fan doutros productos, o que axuda a complementar a súas rendas”.

Algunhas das eivas e problemáticas que sinala o informe neste sector son as seguintes:

  • Non temos capacidade para localizar a distribución.
  • Precisamos colectivizar a produción e atender mellor o mercado.
  • Maior incidencia das pragas e enfermidades; como a Velutina na froita ou a Tutta no tomate.
  • Menor presenza de fauna útil nas hortas debido á presión da Velutina.
  • Debemos ser mais activ@s no enfoque sindical.
  • O sector está abandonado politícamente, carece practicamente de axudas e, as poucas que hai, están mal dimensionadas e non atenden a realidade de cada proxecto e a súa base territorial, o que dificulta en anos coma este a súa supervivencia.

Grandes distribuidoras gañan terreo na comercialización de produtos ecolóxicos

Outro dos problemas da horta e froita ecolóxicas é que a xente non cambia hábitos de consumo con facilidade. A maioría da poboación merca nas grandes áreas de venda e supermercados, mesmo productos ecolóxicos fóra de tempada. Neste senso, grandes distribuidoras como Eurobanan, asentada en Porriño, fornece de produtos ecolóxicos grandes áreas e pequenos comercios locais sustituíndo, nalgúns casos, as producións locais. Tamén están a realizar e implementar contratos con pequenos productores ecolóxicos, para mercar a súa produción, como cabazas, patacas, arandos,...o que fai que neste caso sexa a distribución a que segue a gañar terreo neste sector.

Eurobanan Sede de Eurobanan no Porriño

 

As perspectivas de futuro pasan, inevitablemente, por fortalecer a nosa imaxe e a nosa produción de cara á sociedade, de lograr un traballo máis eficiente e traballar colectivamente para fortalecer os nosos proxectos, e de loitar política e sindicalmente polas nosas demandas e necesidades.

A percepción do produto ecolóxico estase a ver no consumidor final como algo pouco ransparente, pois non se distingue no mercado o produto certificado do que non é. Iso crea descnfianza.

Non se está a loitar, a ningún nível, salvo contadas excepcións nalgún colexio, coa captación de novos consumidores e consumidoras dende a infancia. Sería un campo importante para traballar, xa que os nenos e nenas son consumidores e consumidoras de presente e de futuro.