A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Laura Lorenzo (Daterra Viticultores): "O Val do Bibei é unha das zonas con maior potencial vinícola de Galiza"

Laura Lorenzo (Daterra Viticultores): "O Val do Bibei é unha das zonas con maior potencial vinícola de Galiza"

21 de Maio do 2018

Laura Lorenzo

Aínda que naceu en Allariz, Laura Lorenzo veu a Manzaneda e ao Val do Bibei en 2004 e xa non volveu marchar. Dende que comezou a formarse como técnica en vitivinicultura hai case vinte anos, até agora, Laura atesourou experiencia, coñecementos e paisaxes que se plasman á perfección na rica diversidade de viños que elabora: sete etiquetas, vintecinco viñedos, incontables castes, varias zonas xeográficas e unha soa palabra para definilo todo: Daterra.

Ti non es orixinaria de Manzaneda. Como acabaches aquí?

En 2004, viñen traballar nunha adega que acababa de asentarse na zona. O proxecto de máis sona no Val do Bibei. Cheguei para formar parte do seu equipo, no que estiven até finais de 2012. Antes de chegar a Manzaneda, non a coñecía. Quedei abraiada con esta comarca que, ademais de ter alta montaña, conta con extensas ladeiras de ribeira. Pareceume asombrosa esta parte de Galiza, tan marcada pola emigración, o abandono e a pegada da falta de políticas para densenvolver o sector viticola. Persoalmente, penso que esta zona do Val do Bibei é unha das que ten maior potencial.

Por que tomaches a decisión de camiñar en solitario e fundar unha adega?

Por casualidade, sen premeditalo. A falta de relevo xeracional, mesturado co meu apego pola zona, pola terra e pola xente de aquí fixo que comezase un proxecto alugando e mercando viñas que pertencen ás familias veciñas. Asi que, co tempo, fíxose necesaria a adega. Os dous primeiros anos tivemos o apoio de Benigno e Puri, de Adega A Corga (Trives), que nos brindaron as súas instalacións para poder facer o viño. En 2016, conseguimos rehabilitar unha casa en Manzaneda, onde dende entón está a Adega Daterra Viticultores.

Ao non ser da zona, ¿foiche moi difícil acceder ao viñedo?

Foi doado. Polo de agora temos replantado as vides que foron morrendo. Xestionamos en total 6,5 hectáreas. En Manzaneda, 5,5 hectáreas espalladas por diferentes ladeiras; e a superficie restante en Portomourisco (Valdeorras).

Non adoitamos relacionar zonas de montaña como Manzaneda co cultivo da vide. Que características singulares ten a viticultura de montaña nesa bisbarra?

O que non adoitamos é, a nivel nacional, a asociar Manzaneda á vide e ao viño. Iso é porque, ao compartir o mesmo nome, asociamos esta zona coa alta montaña e coa estación de esquí. Pero nesta bisbarra o territorio é moi diverso e, consecuentemente, son moi diversos os microclimas e os posibles cultivos nas diferentes cotas. Na beira do río Bibei e os seus afluentes, en ladeiras e vales, as condicions para o cultivo son excelentes. A diversidade que ofrece unha orografía así, coa diversidade de solos, exposición, altura, etc., dá lugar á posibilidade de cultivar moitas castes diferentes, tanto de branco como de tinto, e dá como resultado viños con moi boas cualidades.

Que castes de uva traballas?

Tódalas que nos atopamos. En tinto, un 40% de Mencía, outro 40% de Mouratón, 15% de Garnacha Tintoreira, 4,5% Gran Negro e o resto Merenzao. En canto ás variedades brancas, temos un 50% de Dona Branca, 40% de Colgadeira (que probablemente sexa a que se coñece como Ratiño en Rías Baixas) e o resto de Godello e Palomino. Ademais, temos variedades que aínda non logramos clasificar, tanto brancas como tintas.

Laura Lorenzo 1

 “Ao iniciar a relación cunha viña vella a realidade é desoladora”

Que tipo de agricultura practicas?

Ás veces non sei como chamarlle. Desgraciadamente, temos que lle poñer etiqueta como ecolóxica, agroecolóxica, biolóxica, etc, cando só nos limitamos a non envelenar a terra e os cultivos. Nese senso, cando iniciamos a relación cunha viña vella, a realidade é algo desoladora. Comezamos por retirar restos dalgún envase ou plástico, restos de madeira enferma. Estas parcelas veñen de sufrir a agresión do emprego de velenos que matan a microbioloxia e fan desaparecer tódolos seres vivos. Despois, vén a erosión e perda da materia organica. O traballo de rexeneración do chan é lento. Comezamos por aportar materia orgánica e microbiolóxica para poder restaurar a vida o antes posible, xa que os primeiros anos o cultivo é dificil polos desequilibrios que hai na terra. Poderiamos dicir que practicamos unha agroecoloxia rexenerativa.

“Temos as viñas adscritas a varias DOs, pero non certificamos en ningunha delas”

Como se traduce a singularidade destas terras nos viños que elaboras?

Tentamos que os viños respondan ao lugar. Temos as viñas estan espalladas por diferentes ladeiras e elaboramos viño branco e tinto, en función da orixe. Na adega, elaboramos as viñas e paraxes por separado, para entender e aprender cos viños, da súa evolución, etc. Á hora de embotellar, non o facemos a tan pequena escala, xa que para iso debemos consolidar aspectos. aCantos tipos de viño saen de Adega Daterra? No caso dos viños elaborados coas viñas que traballamos en Manzaneda, Val do Bibei, facemos mención a “viño da vila” e “viño do pobo”. Cando dicimos “viño da vila”, indicamos que as uvas veñen das viñas situadas en calquera das ladeiras da bisbarra de Manzaneda. Cando aludimos a “do pobo”, indicamos que as uvas proceden da ladeira do pobo nomedado. Así temos estes catro viños: Azos, da vila (Manzaneda, tinto); Azos, do pobo (Soutipedre, tinto); Erea, da vila (Manzaneda, branco); e Gavela, da vila (Manzaneda, branco). A maiores, traballamos viñedos en Portomourisco (Petín), onde apañamos uva para elaborar o tinto Casas de Enriba. Con uvas de Gollufre, Sampil e Mendoia (Trives, Amandi e Val do Bibei) facemos o tinto Portela do Vento. Temos tamén dous viños máis de viñedos en Fermoselle (Arribes del Duero, Zamora) co nome Camino de la Frontera. As viñas que traballamos están adscritas ás denominacións de orixe correspondentes. A adega non está certificada en ningunha delas. Trátase dunha decision persoal porque, nos primeiros anos, certificar resta demasiado tempo polas esixencias burocráticas; un tempo que, por desgracia, non temos.

Viticultores Daterra

“Os políticos de Galiza e do Estado están ao servizo do agronegocio”

No mundo de hoxe en día non abonda con facer un bo viño. Despois, hai que vendelo. Como está a resultar, no teu caso, o traballo da comercialización?

Esixe dedicación, coma todo. No noso caso, a venta non é merito noso: é mérito de toda a xente que está para e por nós e desexa beber os nosos viños. Somos ricos, temos un capital humano inmenso. Sen iso, nada é posible, coido.

Seica estás experimentando con materias alternativas para madurar os viños, como ámboas de cerámica en troques de pipos de madeira. Cales están a ser os resultados?

Para ter resultados precisamos tempo. O tradicional na zona eran cubas de carballo e de castiñeiro. Tamen estamos a ter contacto coas ámboas. O motivo é que son materiais naturais e porosos que permiten a evolución dos viños. Non temos respostas interesantes ainda, pero eu podo facer unha pregunta: Por que, nun país como Galiza, que adica amplo territorio ao cultivo da vide e á elaboracion do viño, xa non hai cubeiros nin toneleiros profesionais? Por que só se xestionan os montes de cara a abastecer ENCE, por exemplo? Por que a ninguén se lle ocorreu que para facer as cubas e as barricas, tendo os montes que temos, podiámolo facer nós? Por que nos seguen empuxando a emigar se vivimos nun país inmensamente rico?

Construír o teu medio de vida nunha zona de montaña, ¿implicou algún sacrificio persoal? Que dificultades atopa unha persoa nova coma ti á hora de apostar por vivir no rural?

Desgraciadamente, nestes últimos anos defínennos á xente do rural como xente valente, super muller, forte... Iso é porque o rural está olvidado, desartellado, e as poucas politicas que se fan son industriais, alienadas e non se adaptan ao territorio, ao potencial e ás súas xentes e culturas. Así que cuando queres levar un proxecto adiante, iso pasa case por autoescravizarte e por traballar moitisimo. Nin sequera temos unha estrada decente que artelle a comunicación entre os concellos veciños. Sempre tiven a mesma sensación e, ultimamente, agrávase: o rural do oriente ourensán foi esquecido hai moito e nunca tivo políticas que estivesen á altura. A pesares de ser moi duro e moi dificil vivir aquí, é moi fermoso.

Con este panorama, ¿hai sitio para máis persoas que se arrisquen a iniciar proxectos semellantes ao teu?

Claro que hai sitio! Non hai politicas e non hai vontade politica. Sinto moito se o que vou dicir é falta de respeto, pero o problema é que os politicos no cargo, tanto na Galiza coma no Estado, non están á altura. Máis ben están ao servizo do agronegocio industrial. E as politicas deberían ir adaptadas ao territorio. Ainda asi, só sabes se é posible intentándoo

Daquela, excuso preguntarche se hai suficientes apoios institucionais á viticultura. No teu caso foiche de utilidade algún tipo de axuda externa para poñer a andar Daterra?

As axudas non chegan a xente con necesidade real. Calquera axuda que solicites, nunca ten o requisito dun capital máximo como tope para poder acceder. Só con iso, as axudas irian parar a quen menos teñen. Isto é ben coñecido por todos. Eu solicitei varias, pero para a adega non tivemos. Só nos deron, recentemente, unha esmola de última hora para mercar unha máquinas.

Laura Lorenzo