A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Xulio Rodríguez Bermúdez: “Unímonos para mellorar a calidade de vida e poder vivir deste oficio”

Xulio Rodríguez Bermúdez: “Unímonos para mellorar a calidade de vida e poder vivir deste oficio”

6 de Xullo do 2018

Xulio Rodríguez

Hai uns quince anos, entrevistabamos a un mozo Xulio Rodríguez (bit.ly/Xulio2003) que xa levaba dez anos de carreira profesional na explotación hortícola familiar, no barrio de San Pedro da Torre (Mondoñedo). Dende aquela, moito choveu, e na súa traxectoria viu de todo: dende a tentativa de crear un selo de calidade propio para a horta galega á constitución da SAT Labregos de Lugo, que é todo un exemplo de que, en temas como a comercialización, a unión fai a forza.

Dende que falamos no ano 2003, supoño que cambiarían moitas cousas na túa maneira de traballar.
    Dende aquela, construímos novas instalacións, como unha nave para traballar máis cómodos e un obradoiro para a elaboración de conservas que nos vén moi ben para hortalizas que che quedan sen vender cando temos picos de produción. Tamén investimos en maquinaria. Aínda que seguimos con 3.500 metros de invernadoiro, como ao principio, fixemos unha aposta forte polos cultivos no exterior, onde xestionamos 7 hectáreas contando leiras en barbeito e outras que dedicamos a abono verde.
E cantas persoas facedes falta para levar todo isto?
    Na explotación traballamos a muller e máis eu e, a maiores, temos un traballador contratado a tempo completo. A maiores, contratamos traballo temporal para acometer campañas, como a recollida de grelo e do repolo, e meu pai tamén bota unha man sempre que pode.
Un dos principais cambios á hora de comercializar foi crear a SAT Labregos de Lugo.
    A da comercialización era unha materia pendente. Na nosa casa sempre tivemos mentalidade de cooperativistas, pero foi complicado. Ao comezo, participamos na Asociación Hortamariña, pero por motivos como o envellecemento dalgunha persoa socia e a falla de relevo xeracional, a cousa non foi a máis. Foi coa chegada do goberno bipartito na Xunta, cando se apostou fortemente polo cooperativismo. A nosa idea inicial foi a de constituír unha cooperativa a nivel provincial. Nas primeiras xuntanzas, asistía xente dunha trintena de explotacións, pero despois fomos quedando menos até ficar os que fundamos a SAT Labregos de Lugo
Tiñades algunha referencia para levar a cabo o proxecto?
    Á hora de constituírnos foi determinante ter coñecido outras experiencias nunha viaxe que fixemos a Bretaña no ano 2006. Alí, teñen grandes centros de acondicionamento e unha clara mentalidade cooperativista, e o seu exemplo animounos a facer algo semellante na Galiza para mellorar aspectos como a comercialización, a calidade de vida e, sobre todo, poder vivir deste oficio.
Cantas familias formades parte da SAT?
    Actualmente, en Labregos de Lugo estamos cinco explotacións de Mondoñedo, A Pontenova, Guntín, O Corgo e Riotorto, e temos unhas instalacións comúns alugadas nesta última localidade.
    Cada explotación mantén o seu funcionamento autónomo e as súas propias instalacións. Por desgraza, non estamos preto unhas das outras, polo que non é posible compartir maquinaria. A nosa unión é para comercializar,  e vendemos o groso das nosas producións a través de Labregos de Lugo.
Que produtos traballades?
    O noso cultivo estrela é o repolo, tanto rizo como corazón de boi, que ocupa a metade das nosas producións. Ademais, cultivamos cebola chata do país. Ambos son cultivos que facemos en extensivo ao aire libre, do mesmo xeito que pataca, cabaza, leituga, porro, etc. En invernadoiro botamos xudía, tomate e berenxena.
E canta superficie xestionades entre as cinco?
    Traballamos unha media de 6-7 hectáreas de cultivos ao aire libre por explotación. En total, unhas trinta hectáreas de cultivos. Apostamos polo cultivo en exterior porque os gastos son  menores, o traballo máis doado de mecanizar e as boas condicións climáticas nolo permiten. Das cinco explotacións da SAT, tres temos invernadoiros e non chegamos a xuntar 1 hectárea baixo plástico.
A quen lle vendedes a vosa produción?
    Á propia rede que fornecemos dende a SAT, principalmente en Lugo cidade, na Mariña, Asturias e a dúas importantes cadeas de froitarías en Vigo e Pontevedra.
    Ademais, temos unha relación moi estreita coa Cooperativa Horsal, do Salnés, que nos levou a comezos deste 2018 a integrarnos nela como socios. Así, parte da nosa produción vai a Cambados e se envasa como produto de Horsal, que vende directamente a grandes cadeas de distribución e supermercados.

Xulio Rodríguez

“O libre mercado non funciona con bens perecedoiros como os alimentos”

Traballades par un mercado moi volátil, tanto en prezos como en tendencias de consumo. Como o enfrontades?
    Nós tentamos que a nosa produción estea ben planificada en función da demanda. Sabemos que o consumo non é estable, que é moi estacional dependendo do clima. Con calor, consúmese máis tomate e leituga; con frío, máis repolo, grelos, porros ou cabaza.
    Dentro desas variacións, nós como produtores podemos sentarnos nunha mesa para planificar cada campaña. E unha vez planificada, repartímonos o traballo entre as persoas socias. A nós demándannos calidade, pero tamén garantías de subministro. As grandes cadeas, cando mercan, queren poder ofertar durante uns meses un determinado produto, e unha explotación a nivel individual non pode asumir eses compromisos. Para asumir compromisos de comercialización hai que ter un mínimo de volume e estarmos unidos.
Estades contentos cos prezos que percibides?
    A nosa política é que os clientes nos garantan uns prezos estables aos socios. Cómpre ter en conta que o mercado hortícola é cambiante e os prezos flutúan. Nós pactamos co cliente un prezo de referencia, no que tentamos que se cubran os custes, e mantémolo durante toda a campaña, de maneira que hai épocas nas que perdemos nós e outras nas que perde o cliente, dependendo das flutuacións.
    Preferimos esta estabilidade, con acordos previos sobre o volume de produción e o prezo para toda a campaña, que non andar subindo e baixando co libre mercado.
aAo final, estades facendo un traballo de negociación que lle debería corresponder a unha mesa sectorial ou á Xunta
    Xa que a administración e as grandes cadeas de distribución non están polo labor de sentar nunha mesa para chegar a acordos, decidimos tomar a iniciativa e facelo nós mesmos.
    Non entendo unha horticultura que non estea planificada. É inasumible facer plantacións, co custe que teñen, sen saber onde vas colocar despois a produción. O libre mercado non funciona con bens perecedoiros como os alimentos. Se produces outro tipo de artigo, se non o vendes, almacénalo; pero se non vendes as hortalizas, tes que enterralas ou doalas ao banco de alimentos. Non hai alternativa.
Cres que a Administración podería facer algo máis para apoiar a comercialización de produtos labregos?
    Hai moitas medidas que se poderían facer e que serían moi beneficiosas. Empezando pola compra pública de alimentos para fornecer hospitais, escolas, etcétera.
    Outro tema clave é o da etiquetaxe. As nosas hortalizas te-ñen trazabilidade, rexistro sani- tario, certificación externa, etc. Pero iso non serve de nada de cara aos consumidores e consumidoras porque a etiquetaxe é fraudulenta. Entra moito produto de fóra que se envasa na Galiza baixo marcas en galego e coa orixe real en letra moi pequena, de maneira que se engana a quen merca. Debería ser obrigatorio que figurase en letra visible e lexible a orixe do produto.

“O control da couza guatemalteca pola Xunta deixa moito que desexar”

Vivides na zona cero da couza guatemalteca. Como vos afectaron as prohibicións?
    Tanto a Labregos de Lugo, como a nivel particular, afectounos dun xeito grave, xa que a pataca era un dos nosos principais produtos. Antes da crise, nós cultivabamos tres hectáreas de pataca. Foi un dos cultivos que máis traballamos na SAT para diferencialo: investimos cartos nunha marca, en envases, caixas rotuladas, márketing, etc. Mesmo acababamos de mercar unha carreta con volteador para a pataca na que investimos 10.000 € que agora quedará parada. Levabamos dez anos traballando o tema e tiñamos xa un mercado consolidado, mantendo un prezo digno e estable. Na nosa explotación, a pataca supuña o 20% dos ingresos.
Cres que Medio Rural fixo unha boa xestión da crise?
    Todo o contrario. A maneira de xestionar a crise foi mala. Non souberon anticiparse e impuxeron a prohibición cando moita pataca xa fora plantada. Andaron a bandazos, improvisando sobre a marcha: non houbo ningunha reunión previa, non sentaron falar coa xente do sector para analizar cal era a mellor maneira de actuar. Fíxose todo por imposición.
E iso en que se traduciu no voso caso?
    Nós non levamos nin un céntimo de indemnización. O ano que se prohibiu a plantación, xa non chegamos plantar. Tivemos que rexeitar a semente que tiñamos encargada e trocar os cultivos. Soubemos movernos, pero perdemos un traballo de dez anos para consolidar unha marca e un mercado. Agora, o que deixamos de vender están a vendelo outros provedores, polo que será moi difícil recuperar ese mercado.
    Ademais, aínda que levanten a prohibición, sempre che quedará o temor de que ao cabo dun tempo se volva atopar couza e che volvan prohibir plantar. Hai xente que ten esperanzas de que en 2019 permitan de novo botar patacas, pero eu desconfío. As medidas que se están a tomar son insuficientes. Aquí sabemos que hai xente que segue plantando patacas ás agachadas. O seguimento e control que fai Medio Rural deixa moito que desexar.
Xulio Rodríguez