A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite Río abandona a recollida en varias explotacións lácteas das comarcas de Ordes e Compostela

Leite Río abandona a recollida en varias explotacións lácteas das comarcas de Ordes e Compostela

31 de Marzo do 2016

Xovenca frisoa

O Sindicato Labrego Galego ten que denunciar, unha vez máis, o abandono de rotas de recollida de leite que vai deixar na estacada varias granxas da comarca de Ordes a partir do 1 de abril, xusto un día antes das mobilizacións anunciadas no sector. Neste caso, a empresa que deixa de recoller é Leite Río, alegando dificultades de acceso a unhas granxas ás que lles estivo mercando o leite sen problemas nos últimos anos.

Dende o SLG temos constancia de, polo menos, cinco explotacións afectadas de Ordes, Frades e Tordoia cuxo denominador común é ser de pequena escala e estaren rexentadas por mulleres maiores de 50 anos que teñen na gandería a súa única dedicación profesional posible. A maiores, tamén soubemos de dous casos máis na comarca de Compostela.

Aínda que temos constancia destas sete granxas, cremos que podería haber máis afectadas, pero dende Leite Río non nos facilitaron os datos ao respecto. En calquera caso, e con independencia do número de explotacións abandonadas, seguimos padecendo un problema que consiste en que as industrias leiteiras exercen con total impunidade a súa posición de dominio na cadea de valor, perpetrando todo tipo de abusos e arbitrariedades coas granxas ás que lles mercan o leite a prezos miserables que nin sequera cobren os custes de produción. E todo grazas a unhas leis que permiten estas tropelías e a un silenzo cómplice da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura que as ampara.

Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos a intervención urxente da Consellaría de Medio Rural para que determine o número de granxas afectadas por este novo abandono das rotas de recollida por parte de Lácteos Lence e lles busque unha solución que non consista en forzalas a regalar a súa produción para leite en po a prezos por baixo dos 20 céntimos por litro.