A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Isabel Vilalba denunciou nunha audiencia do Parlamento Europeo o fracaso das medidas contra a crise leiteira

Isabel Vilalba denunciou nunha audiencia do Parlamento Europeo o fracaso das medidas contra a crise leiteira

26 de Maio do 2016

Isabel Vilalba no hearing

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou nunha audiencia (hearing) da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo (Bruselas), o 25 de maio, baixo o título “Novas medidas de mercado excepcionais para limitar a produción leiteira”. Isabel falou en representación da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), organización que foi invitada a proposta da eurodeputada galega, Lidia Senra, do grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

No acto participaron tamén Czesław Siekierski, presidente da Comisión de Agricultura do PE; Hans Hoogeveen, vice-ministro de Agricultura de Holanda e presidente do Consello Ministerial de Agricultura da UE; Jooste Korte, director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea; Mansel Raymond, presidente do grupo de traballo do sector lácteo no COPA; Tommaso Mario Abrate, vice-presidente do grupo de traballo do sector lácteo no COGECA; Romuald Schaber, presidente do European Milk Board (EMB) e Michel Nalet, presidente da Asociacón Láctea Europea (European Dairy Association-EDA).

Na súa intervención, a secretaria xeral do SLG denunciou a inutilidade das medidas adoptadas até agora para enfrontar unha das peores crises que ten sufrido o sector lácteo europeo, segundo recoñecen diversas institucións comunitarias, dende o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, até o propio Parlamento. De feito, o sector lácteo da UE está a encaixar unha caída continuada dos prezos en orixe dende inicios de 2014. Os últimos datos dispoñibles, correspondentes ao primeiro trimestre de 2016, revelan un prezo medio de 27'72 céntimos por litro. “Se estes valores, que supoñen unha caída do 11% con respecto ao mesmo período do ano pasado, xa son francamente baixos, ”, matiza Isabel Vilalba, “agrávanse ao ter aumentado os custes de produción nun 6'8 % e os enerxéticos en máis dun 9'1'%”. E mesmo ese prezo medio tan baixo é enganoso, pois en zonas como Galiza hai máis de 500 granxas que están a vender o leite por baixo dos 20 céntimos e unhas 2.000 non superan os 25 céntimos. E o resultado deste nivel de prezos está á vista: dende o último trimestre de 2014, pecharon na Galiza 900 explotacións lácteas.

Desmantelamento da política leiteira e ineficacia das medidas de crise

Incidindo no tema central desta audiencia, Isabel Vilalba criticou as medidas desenvoltas até o de agora polo Consello de Agricultura e pola Comisión Europea para enfrontar a crise que, ademais de ineficaces, ameazan con empeorar o problema:

  1. Dobrar a compra pública de produtos lácteos non é solución porque os prezos de intervención aos que se adquire a manteiga e o leite en po son ruinosos. En canto ao almacenamento privado de manteiga, leite en po e queixos para retirar temporalmente excedentes do mercado só adía o problema.

  2. A baixada voluntaria da produción está sendo un absoluto fiasco, pois seguen a producirse excedentes e países como Irlanda ou Holanda seguen a incrementar a súa produción ao tempo que noutras zonas europeas, como Galiza sen ir máis lonxe, as industrias ameazan con non recoller e impiden producir máis ao tempo que asolagan o noso mercado con leite doutros países comunitarios. O desmantelamento da política leiteira europea estase a substituír por unha competencia feroz e salvaxe entre países, con incrementos da produción desproporcionados nuns a costa da ruína de miles de familias gandeiras noutros; e con países excedentarios que se lanzan a producir máis, mentres outros deficitarios, como o Estado Español, asisten ao derrube do tecido social e produtivo que depende do sector lácteo.

  3. Tampouco serven as axudas compensatorias dos estados ás granxas, xa que provocan unha seria distorsión do mercado e ameazan con favorecer aínda máis o aumento da produción. É indignante que se estea a subvencionar o sacrifico de vacas e o desmantelamento da produción leiteira en amplas zonas de Europa. No Estado Español, por riba, o Ministerio de Agricultura pretende que sexa o propio sector o que financie esta medida.

  4. En canto á tentativa de destinar os excedentes lácteos á exportación, tamén supón someterse aos prezos ruinosos a que cotizan os produtos lácteos nos mercados internacionais, con valores de 25 céntimos para a manteiga ou 17-19 céntimos para o leite en po.

A maiores destas medidas extraordinarias de crise, Isabel Vilalba tamén criticou un paquete lácteo que caeu polo seu propio peso en toda Europa e cuxo fracaso se constata nos prezos miserables que padece o sector e que as organizacións de produtores e produtoras foron e son incapaces de negociar.

A ECVC aposta por unha política leiteira europea baseada no control público da produción e nun modelo sostible e resiliente

Fronte a todas estas medidas que non son máis que a constatación do fracaso da liberalización do sector lácteo na UE trala fin do sistema de cotas, Isabel Vilalba, dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina, defendeu unha política leiteira para a UE baseada nun control público da produción que obrigue e beneficie a todos os países por igual e que oriente a capacidade produtiva a cubrir o consumo interno comunitario. Para a ECVC, esta política leiteira debe estar baseada nun modelo produtivo sostible e resiliente, cunha sostibilidade baseada nunhas nunhas marxes de beneficio dignas garantidas en todos os elos da cadea de valor; e unha resiliencia que fortaleza as granxas fronte á volatilidade dos mercados e da especulación e que se constrúa en base a diminuír a súa dependencia crecente de modelos intensivos, compra de insumos e endebedamento.

E fronte ás leis de competencia actuais, que amparan todo tipo de prácticas extorsivas para impoñer prezos de miseria ás granxas; deben sentarse as bases para que haxa unha negociación dos contratos de compravenda de leite en condicións de igualdade, cunha mediación pública e imparcial, con prezos de referencia obxectivos para todo o sector e con leis que amparen ás granxas fronte á actual posición de abuso e dominio das industrias.

Isabel Vilalba no hearing