A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Coas novas medidas da Comisión Europea para o sector lácteo desbaldiranse 1.000 millóns para perpetuar a crise

Coas novas medidas da Comisión Europea para o sector lácteo desbaldiranse 1.000 millóns para perpetuar a crise

20 de Xullo do 2016

Hogan

Unha vez máis, o Consello Ministerial de Agricultura da Unión Europea deixa como resultado outro feixe de medidas para afrontar a crise do sector lácteo que todos e todas sabemos que non van solucionar nada. Cumprimos así un ano enteiro de accións inútiles que xa lle custaron ao erario da Unión Europea 500 millóns de euros aos que haberá que sumar outros 500 agora. É dicir, 1.000 millóns de euros para ver como a crise se agrava, seguen pechando miles de explotacións, o aumento da produción continúa descontrolado e os prezos baixando.

En primeiro lugar, a Comisión Europea anuncia un fondo de 150 millóns de euros para subvencionar a redución voluntaria da produción de leite no último trimestre de 2016. Así, os países que apostan por seguir incrementando a súa produción para copar o mercado, poderán seguir facéndoo sen problema; mentres que aqueles nos que se reduza a produción, terán asegurada outra esmola coa que poder parchear as contas dun trimestre no que seguirán, con total seguridade, os prezos escandalosamente baixos en orixe.

En canto aos 350 millóns para axudar a sectores agrogandeiros en crise, ao Estado Español lle corresponden algo máis de 14,6 millóns de euros, pouca cousa se o comparamos coa asignación que levan os principais culpables do aumento descontrolado da produción láctea que afunde o mercado e os prezos na UE: Polonia (22'6 millóns), Alemaña (57,9 millóns), Irlanda (coa décima parte de poboación que España, 11 millóns), Francia (49,9 millóns) ou Países Baixos (22,9 millóns).

E despois, máis do mesmo: prorrógase, unha vez máis, a intervención e o almacenamento de leite desnatado en po, medida que xa se vén aplicando e que resulta totalmente ineficaz e insultante se temos en conta os prezos miserables que pagan por este leite; ou o anticipo do 70% dos pagos directos da PAC e do 85% das axudas ao desenvolvemento rural ligadas a superficie, un adianto de subvencións que xa se tentou facer o ano pasado na Galiza e que fracasou no meirande dos casos por problemas burocráticos.

Visto o visto, a Comisión Europea volve sacar da chistera un feixe de accións que perpetuarán a crise leiteira, cos prezos en caída permanente e a produción de varios países desbocada. O comisario Phil Hogan teima na súa postura covarde -ou interesada en favorecer a política leiteira de Irlanda- sen atreverse a pór en marcha un control público e obrigatorio da produción en toda a Unión Europea, algo indispensable para controlar os excedentes, regular o mercado e deter a depreciación do leite.

Mentres, as grandes industrias do sector e as distribuidoras alimentarias fregan as mans: as primeiras porque seguirán tendo materia prima con valores moi por baixo dos custes de produción; e as segundas porque poderán continuar mercando leite a prezo de saldo para maximizar as súas marxes de beneficios. Mentres tanto, miles de granxas seguirán facendo equilibrios no gume da navalla para non arruinarse, entre elas as 8.800 explotacións, máis ou menos, que sobreviven hoxe na Galiza. Son máis de 8.000 razóns para que a Consellaría de Medio Rural se poña as pilas e, sempre en consenso coas organizacións agrarias, busque o xeito de liderar as negociacións no Estado Español para xestionar da mellor maneira posible a asignación e execución dos exiguos recursos que se lle ofrecen ao sector dende Bruxelas e melloralos coa máxima achega posible que a lei permita facer dende o Estado e Galiza; amais de tentar que o Ministerio de Agricultura defenda en Bruxelas a necesidade dun control obrigatorio e público da produción.