A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Gobernos en funcións: medra o peche de explotacións pola crise cos gobernos ausentes antes e agora

Gobernos en funcións: medra o peche de explotacións pola crise cos gobernos ausentes antes e agora

12 de Agosto do 2016

Goberno en funcións

Os Gobernos galego e español, agora en funcións, veñen demostrando a súa incapacidade ou complicidade para que os sectores agrarios, especialmente os gandeiros, se esborrallen sen poñer a maquinaria gobernamental a funcionar para tentar remedialo. 

No caso do sector lácteo, con prezos por debaixo da media do Estado, e por debaixo dos custes de produción, mesmo inferiores a 20 céntimos, que non leva a outra cousa que ó peche.

É un dato constatado que se acrecenta, e neste momento se acelera o ritmo do peche de explotacións no sector lácteo. A estas realidades, ás dúas, deben responder unhas Administracións que presumen de eficientes.

A promesa de axudas para a devolución dos créditos non sirve como solución para atallar o problema de fondo. Se non se toman ningún tipo de medidas encamiñadas a que os prezos que perciban as granxas cubran os custes de produción, e persistan no tempo, a desfeita no sector será irreversible.

Por esta situación, os gobernos, en funcións ou como queira que estean, se non o fixeron antes teñen que facelo agora, urxe que convoquen inmediatamente, a tódalas partes da cadea alimentaria de forma permanente, utilizando toda a maquinaria do goberno para acadar acordos para unha solución que sexa sostible en prezos. Isto é necesario para o sector lácteo, pero en xeral para todos os sectores da actividade agropecuaria, que ven como cada vez o traballo rende menos e a viabilidade das explotacións é cada vez máis difícil, en tanto as Administracións, e moi particularmente a da Xunta de Galicia, permanece na máis absoluta parálise.

Non é asumible que se predique que os produtores/as deban conformarse coas esmolas que poidan chegar de fondos europeos, sen atacar, no exercicio de competencias e responsabilidades propias, os problemas estruturais que azoutan aos diversos sectores, e moi particularmente aos gandeiros.