A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Xuntanza de COAG e o Sindicato Labrego con Mercadona para traballar na sostibilidade do sector cunícola

Xuntanza de COAG e o Sindicato Labrego con Mercadona para traballar na sostibilidade do sector cunícola

2 de Septembro do 2016

Xosé Luís Santaclara

COAG, organización agraria da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, mantivo unha xuntanza bilateral con Mercadona esta semana para analizar a situación do sector cunícola e compartir inquedanzas e posíbeis actuacións de mellora, tanto da produción como na distribución. Ambas partes coincidimos en que a conxuntura do sector cunícola é crítica e consideramos necesario dar unha viraxe á situación, de tal maneira que se asegure a sostibilidade da cadea de valor do coello.

Para traballar no devandito, as organizacións agrarias e Mercadona chegamos a unha serie de compromisos en aspectos como a mellora da interlocución entre produción e distribución, unha aposta por novos formatos da carne de coello e unha mellora nos contratos.

Nesta liña, ábrese unha canle de comunicación permanente entre COAG/SLG e Mercadona, achegando a produción e a distribución. Neste senso, crearase un grupo de traballo da nosa organización agraria coa empresa de distribución cuxo obxectivo será o de crear propostas e analizar a repercusión e o acerto das medidas que xa se teñan posto en marcha.

Ademais, entre outros aspectos, dende COAG/SLG propuxemos na xuntanza que se estuden a elaboración de novos formatos na presentación da carne de coello no punto de venta coa fin de procurar unha maior apetencia á hora da compra por parte de consumidores e consumidoras; ou impulsar unha reunión de todo o sector cunícola a finais do mes de setembro para falar sobre campañas de promoción, novos formatos de presentación, INTERCUN e a cadea de valor.

Tanto dende a nosa organización agraria, como dende Mercadona, coincidimos en que se debe procurar aproveitar as sinerxias nas campañas de promoción que leve a cabo o sector, de tal maneira que se unan esforzos e melloren os efectos das estratexias de comunicación.

Por último, Cunicarn, presente na xuntanza, recordou que cómpre estender a formalización de contratos no sector cunícola para dar seguridade xurídica á parte gandeira e tamén á industrial, xa que así o establece a lei 12/2013 de Mellora do Funcionamento da Cadea Alimentaria.

Xosé Luís Santaclara

O cunicultor galego Xosé Luís Santaclara, responsábel do sector do coello de COAG a nivel estatalestivo na xuntanza con Mercadona