A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As 20.000 vacas do IBEX, ou como 10 macrogranxas poderían substituír todas as explotacións galegas

As 20.000 vacas do IBEX, ou como 10 macrogranxas poderían substituír todas as explotacións galegas

15 de Novembro do 2016

Fábricas de vacas

Presentamos "As 20.000 vacas do IBEX", un artigo de opinión de Aurelio Pérez, coordinador xeral de COAG en Castela e León, sobre un macroproxecto empresarial que ameaza o sector lácteo da comunidade veciña. Trátase da instalación dunha granxa de 20.000 vacas en Almazán (Soria) por parte dunha empresa navarra. O texto está enfocado, como non podía ser doutro xeito, dende o punto de vista nos nosos compañeiros e compañeiras de Castela e León. Para enfocalo dende realidade galega, abonda con saber que esta macrogranxa producirá ela soa o equivalente ao 10% da produción total das 8.658 granxas galegas. É dicir, implantando este modelo, 10 explotacións coma esta poderían substituír á totalidade das granxas de Galiza.

Un proxecto para a construción dunha granxa con 20.000 vacas de leite vai tomando forma e cada día que pasa é máis unha realidade. Unha empresa navarra pretende implantar un proxecto empresarial en Almazán (Soria): unha macrogranxa con 20.000 vacas que producirán 240.000 toneladas de leite ao ano, cifra que equivale ao 28% da produción total de Castela e León, 840.000 toneladas, que son producidas por 1.400 gandeiros e gandeiras en 19 cooperativas.

Se a nosa clase política consente que se leve a cabo o proxecto, terá consecuencias terribles para o sector lácteo en todo o Estado. O Goberno de Navarra, co apoio de Podemos; o Concello de Almazán gobernado por un acordo de lexislatura entre Cidadáns e PP; a Deputación de Soria dirixida polo PSOE... todos están encantados con proxectos coma este. Os mesmos que acordaron unha moción conxunta de apio aos acordos da Mesa do Leite. Dixéronnos que estaban cos gandeiros e gandeiras. Pero, ¿dixéronnos a verdade? Se estivesen coas familias, se estivesen cos gandeiros e gandeiras, erguerían a voz. Non o farán. Hoxe é máis rendible estar na indefinición política que en defensa dun modelo de produción agraria, sostible e asentado no medio rural.

No modelo social de agricultura que defende COAG non caben proxectos desta envergadura que destrúen emprego, riqueza e calidade de vida no medio rural. Unha explotación gandeira de 20.000 vacas é o claro exemplo do modelo empresarial, economicista e neoliberal que defenden outros, os que viron na desaparición das cotas lácteas unha gran oportunidade.

O sector lácteo debe reflexionar, en unidade, e ten dúas opcións: ou camiña cara non se sabe onde para perpetuar o “acordo das gravatas”, ou dá un cambio radical e aposta claramente polo modelo social agrario, un sistema de produción que teña como principal obxectivo a defensa da persoa, o gandeiro ou a gandeira fronte ás sociedades de produción, o desenvolvemento social e económico do medio rural fronte aos beneficios dos inversores do IBEX.

Dende COAG consideramos un despropósito este proxecto e demandamos das administracións que interveñan para que non se leve a efecto, nin en Navarra nin en ningunha outra comunidade do Estado. Se se fixese o contrario sería un escándalo e a morte anunciada para seiscentas granxas. Lembremos como o goberno francés, presionado polo sector lácteo, non permitiu a construción dunha granxa de mil vacas.

As dez propostas da Alianza para o Sector Lácteo están agora máis vixentes que nunca. Entre elas, destaco tres: a creación dun grupo permanente de traballo do sector produtor no marco de Urcacyl (Unión Regional de Cooperativas Agrarias de Castilla y León) para abordar a problemática do sector. O desenvolvemento dunha campaña de sensibilización, durante os próximos tres meses, dirixida á sociedade para que aposte polo consumo de produtos da nosa terra a cambio de que os gandeiros e gandeiras cedamos gratuitamente o 1% da produción de leite para que a industria a entregue de maneira igualmente gratuíta aos bancos de alimentos. E a busca de fórmulas de comercialización que permitan concentrar a oferta, organizar a produción e estruturar o sector para reducir o diferencial de prezos entre gandeiros. Non poderá haber unidade no sector mentres exista, como na actualidade, unha diferenza entre 8 e 10 céntimos entre o prezo que perciben uns gandeiros e outros.