A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG presenta alegacións ao decreto de etiquetaxe dos lácteos para gañar en seguridade e transparencia

O SLG presenta alegacións ao decreto de etiquetaxe dos lácteos para gañar en seguridade e transparencia

20 de Abril do 2017

Gráficos UCGAL

O Sindicato Labrego Galego rexistrou, o 19 de abril, un documento con cinco alegacións ao proxecto de real decreto sobre a etiquetaxe dos lácteos. Nestas alegacións, pídeselle á ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, que a información nos envases e etiquetas do leite e dos derivados lácteos, sen excepcións, inclúa datos como o Estado e a comunidade autónoma de orixe. Ademais, dende o SLG rexeitamos totalmente a proposta de informar sobre a orixe do produto con fórmulas xenéricas do estilo “países da UE, países fóra da UE” e solicitamos, expresamente, que se retire este apartado do decreto.

A maiores, tamén pedimos un maior control, revisando o sistema de trazabilidade e incluíndo no decreto “un sistema de verificación habitual, por parte das autoridades competentes, de todas as entradas e saídas de produtos nas industrias que aporte garantías adicionais para unha trazabilidade total en caso de problemas de seguridade alimentaria”.

Finalmente, aproveitando o proceso para regular a etiquetaxe, pedímoslle ao Ministerio de Agricultura que responda con esta normativa ás crecentes demandas da sociedade en canto a saúde, transparencia e compromiso social. Por iso, avogamos por que as etiquetas e envases do leite e dos seus derivados recollan tamén información referente a parámetros como a alimentación do gando, o tipo de procesado e mesmo a porcentaxe de remuneración que lle corresponde aos gandeiros e gandeiras con respecto ao prezo pagado polos consumidores e consumidoras.

Precisamente, este tipo de información nos produtos lácteos está a ser cada vez máis demandado pola cidadanía, como demostran os resultados do estudo feito pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), co que colaborou o SLG, no que o 97% das persoas enquisadas queren que sexa obrigatorio indicar a orixe do leite na etiqueta, e a inmensa maioría ve necesario incluír datos como a alimentación do gando, a orixe do ingrediente principal, o tipo de procesado, o lugar de envasado e as marxes comerciais. Se queres descargar o informe, podes facelo premendo na icona que atoparás ao remate desta páxina.

Gráficos UCGAL 

Ficheiro adxunto