A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Nace a Plataforma Stop Velutina para forzar o compromiso da Xunta e do Goberno na loita contra esta avespa asiática

Nace a Plataforma Stop Velutina para forzar o compromiso da Xunta e do Goberno na loita contra esta avespa asiática

20 de Maio do 2017

Días das Abellas

Este 20 de maio, coincidindo co Día Mundial das Abellas, presentouse en Compostela a Plataforma Stop Velutina, unha rede de 24 organizacións e colectivos que nace da iniciativa da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e do Sindicato Labrego Galego. O obxectivo da Plataforma Stop Velutina é esixir a asunción de competencias sobre a problemática do tártago asiático por parte da Consellería de Medio Ambiente, no ámbito de Galicia; e máis do Ministerio de Agricultura, no ámbito estatal.

En concreto, a plataforma esixirá que a Xunta e o Goberno asuman como súas as seguintes cuestións: impulsar a investigación, a importancia da loita preventiva, a necesidade dun organismo único e a labor de divulgación social. Estas peticións foron recollidas nun documento de mínimos e entregadas na Consellería de Medio Ambiente e no Ministerio de Agricultura esta mesma semana.

A plataforma nace á iniciativa da Asociación Galega de Apicultura e o Sindicato Labrego Galego e está integrada actualmente por 24 organizacións de diferentes sectores, apícola, ecoloxista, sindical e universitario. Dende esta plataforma consideramos que a problemática da Vespa velutina non é competencia exclusiva da Consellería de Medio Rural, como ata agora se leva atribuíndo por vía administrativa, senón tamén -e especialmente- de Medio Ambiente. A lexislación existente sobre as especies exóticas invasoras (EEI) regula as mesmas considerándoas un problema medioambiental polos desequilibrios que provocan nos ecosistemas autóctonos. Nestes documentos, reflíctense os importantes danos causados por estas especies invasoras en Europa (12,5 millóns €/ano, ademais dos importantes danos medioambientais) e regúlanse tamén as obrigas das administracións con competencia medioambiental na xestión da problemática. A invasión da avespa velutina é un problema de toda a sociedade, aínda que o sector apícola sexa o prexudicado máis directo, e como tal queremos enfocar esta loita.

Aproveitando a celebración do Día Mundial das Abellas, ademais de presentar a Plataforma Stop Velutina, AGA inaugurará tamén a exposición didáctica “Dálle vida ó teu xardín” sobre o mundo das abellas e a súa relación coas plantas, na que participarán os alumnos e alumnas do instituto Rosalía de Castro. As persoas que se acheguen poderán facer un percorrido guiado pola exposición, que inclúe a visita ás centenarias lacenas que ten o edificio, e unha degustación de meles. A exposición estará aberta ao público até o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.

Día das Abellas