A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As gandeiras e gandeiros de leite da Galiza cobran 7 millóns de euros menos cós seus homólogos europeos

As gandeiras e gandeiros de leite da Galiza cobran 7 millóns de euros menos cós seus homólogos europeos

24 de Xullo do 2017

prezo leite

O Sindicato Labrego Galego pide que se investigue o acordo entre Industrias Leiteiras como Lactalis e o resto das que operan en Galicia para pagar menos o leite ca no resto do estado e nos países do contorno. No último mes as industrias que renovaron contratos (Lactalis, Reny Picot, Capsa...), acordaron prezos para os próximos meses que curiosamente, despois de aplicar diferentes fórmulas, acaban sendo practicamente idénticos e non reflicten as subas que se estiveron a producir nos productos lácteos industriais nos últimos meses nin nos prezos pagados noutras zonas produtoras.

As gandeiras e gandeiros galegos viron en maio, último mes que se recolle no Observatorio de prezos da Xunta, nun escenario de suba continua dos prezos dos produtos lácteos, incomprensiblemente como novamente o prezo medio baixaba dos 30 cts por litro, en concreto 29,90 cts. A situación vira aínda máis dramática para os que entregan menos de 100.000 kg, con prezos medios de 26, 36 cts por litro, 28,01 cts nas granxas entre 100 e 200.000 kg, ou 28,88 cts os de menos de 300.000 kg. Hai que lembrar que a maioría das produtoras e produtores galegos están nestas franxas de produción.

No mesmo período o prezo medio europeo foi de 32, 36 cts litro, esta diferencia de case 3 cts multiplicada por arredor de 234.000 toneladas que Galicia por mes faría que polo mesmo produto a xente gandeira galega perciba aproximadamente 7 millóns de euros menos mensuais. Habitualmente as produtoras e produtores teñen que asumir baixas co pretexto de que diminuíron os prezos dos produtos industriais pero neste caso a suba continua da manteiga e do resto de lácteos serviu para que os prezos medios europeos subiran un 25% nun ano, unha suba que apenas incidiu no agro galego.

Moitas veces tamén se emprega o argumento para a baixa as tendencias noutros países produtores, en concreto e de xeito fundamental os prezos en Francia e en Alemaña. Neste caso este criterio tamén deixou ser importante dado que os prezos a alza, en concreto de media 33,83 cts en Alemaña no mes de maio ou 32,43 cts en Francia no mesmo mes, tampouco se traduciron en alzas para o sector produtor galego.

A Consellería do Medio Rural e o Ministerio deben tomar medidas inmediatas contra estas actuacións abusivas que nalgúns casos como Lactalis suporían de 5 a 8 cts por litro de diferencia entre o prezo acordado en Galicia, arredor de 28 cts de base, e os 0,33 de Francia, con anuncios que chegarían aos 36 cts para setembro. As gandeiras e gandeiros galegos están a sufrir unha auténtica extorsión polas condicións impostas polas industrias, obrigados a asinar uns contratos con todos os termos fixados unilateralmente pola industria, prezos por debaixo de custos, indefensión e  baixas xeneralizadas en contextos de prezos na distribución á alza.

A multinacional francesa Lactalis argumentou que a causa dos prezos baixos é a estabilidade no mercado español ou a non renovación nesta época de contratos. Sabemos que isto non se corresponde coa realidade, pois houbo renovacións con grupos e cooperativas nas últimas semanas e fixéronse neste nivel de prezos baixos. O Sindicato Labrego Galego ten denunciado reiteradamente que os contratos obrigatorios sen un prezo de referencia mínimo que garanta a marxe das persoas productoras é unha arma nas mans da industria para extorsionar ao sector, para manter os prezos baixos cando no mercado hai unha mellora de prezos e impoñendo as renovacións nos momentos nos que o  mercado teña máis dificultades.

Con todo isto, o sector leiteiro galego, malia a ser un dos grandes motores de moitas zonas rurais, está a sufrir unha sangría continua de peche de granxas (1.100 en 2 anos), endebedamento e situación ruinosa de miles de familias. Preguntámoslle ao Presidente da Xunta como se explica que na lexislatura do rural as industrias podan extorsionar ás produtoras e produtores con tal impunidade ou que se pague o leite en Galicia menos ca en calquera outro lado? Onde están os servizos da competencia para tomar medidas e acabar con estas condicións abusivas? Que foi do acordo lácteo e canto nos están a costar todas as fotografías e reunións que andan a montar sen que haxa ningunha medida real que mellore a situación das granxas? Canto diñeiro público están a recibir as tan cacareadas organizacións de productores lácteos que só serviron para venderlle ao sector outra falsa solución como os contratos sen prezo ou o tan “histórico” acordo lácteo segundo o presidente da Xunta de Galicia?

Agardamos ver con inmediatez que o compromiso da  Conselleira e do Presidente da Xunta de Galicia do rural son algo máis ca palabras e hai actuacións nos próximos días para conseguir uns prezos dignos para o leite e acabar con esta discriminación das produtoras e produtores de leite galegos.