A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Xosé María Vilaverde: "Cando fun á oficina agraria dicir o que quería facer, dixéronme que era imposible”

Xosé María Vilaverde: "Cando fun á oficina agraria dicir o que quería facer, dixéronme que era imposible”

4 de Decembro do 2017

xosé María Vilaverde

A Quinta da Vacaloura é unha granxa ecolóxica da parroquia de Naraío (San Sadurniño) onde Xosé María Vilaverde, paseniño, vai construíndo, xunto coa súa familia, un medio de vida que non ten moito que ver coa súa formación académica-Ciencias Políticas, Xestión de Cooperación Internacional e ONGs- pero si coa súa conciencia e compromiso co entorno, o planeta e ideas como a soberanía alimentaria.

Como naceu A Quinta da Vacaloura?

A terra mercámola miña parella e máis eu a finais de 2010, despois de máis dun ano á procura dela. Desde aquela, a cousa deu moitas voltas, incluíndo o nacemento da miña filla: Tardei case que un ano en comezar co primeiro lote de galiñas piñeiras; as de Mos non as tiven até o ano seguinte. Pouco despois chegaron as primeiras ovellas galegas. As primeiras colmeas merqueinas a comezos de 2014 e as froiteiras planteinas un ano despois. A finais de 2014, conseguín por fin, logo de varios intentos e moitas complicacións, unha axuda de incorporación e deime de alta como autónomo.

Hoxe en día, teño en propiedade preto dunha hectárea de terreo, na súa maioría plantado de froiteiras, as máis delas autóctonas, que serve de núcleo da miña actividade. Aí están a miña explotación avícola artesanal, con galiñas piñeiras e de Mos; a corte das ovellas de raza galega; unhas poucas colmeas; un espazo reservado para horta; un pozo de barrena e un pequeno almacén.

A maiores, teño cedidos uns 7.000 m2 de terras para pasto que estou procurando recuperar dun abandono que as levou a estar cubertas de silvas, toxos, xestas e fentos bastante máis altos ca min. Tamén aproveito para herba seca uns 2.000 m2 cedidos e alindo as ovellas por unhas 2,5 hectáreas de eucaliptal e 1 km de pista. Cheguei a ter dúas hectáreas arrendadas onde cultivei trigo, patacas e millo, mais xa non conto con elas. A produción vexetal téñoa certificada polo Craega.

Comezar un proxecto dende cero como fixeches ti, non debe ser doado. Tiveches moitas dificultades nos inicios? Recibiches algún tipo de apoio institucional?

Non é nada doado, non. Comezar de cero, sen terra, sen maquinaria, sen apeiros... sen sequera vivir no lugar e sen experiencia, é moi complicado. Acceder á terra é difícil e moi custoso. Ao final, demos con ela por un home que traballaba para outro que coñecían os avós da miña muller. Por el chegamos até as propietarias das parcelas.

Cando fun á Oficina Agraria Comarcal para explicar o que pretendía facer, o primeiro que me dixeron foi que iso era imposíbel. Daquela, aínda non existía a normativa sobre avicultura artesanal. Tiven que ir a un nivel provincial para atopar un pouco de comprensión e, con todo, a solución que me daban era unha tolería. As axudas de incorporación e mellora foron outra odisea: bases diferentes en cada convocatoria, prazos imposíbeis... Ao se recoñecer a avicultura artesanal, tiven que redimensionar o proxecto.

O Concello si tivo unha actitude máis próxima e colaboradora, pero pouco podía facer. O trámite da licenza municipal alongouse ao haber alegacións dalgúns veciños e perdín a axuda de incorporación, que agora esixía ese trámite para ser aprobada. Á seguinte foi, con recortes sobre a solicitude inicial, e aínda veu despois Facenda completar o “apoio institucional”.

Sorprendeute atopar tantos atrancos?

Sabía que ía ser duro e complicado, mais nunca pensei que o fose ser tanto como finalmente resultou. O institucional non teño nada claro que acabase sendo un apoio ou axuda, realmente. Se ben é certo que a axuda de incorporación chegou nun momento en que sen ela tería como mínimo aparcado todo temporalmente, o apoio fundamental e real, económico e físico, foi o da familia.

"Se hai futuro, será rural”

Que razóns che levaron a inclinarte pola profesión labrega?

Crieime na cidade, en Ferrol, mais a miña familia por parte de pai mantiña o contacto coa aldea (O Rañadoiro, Ponte Sampaio, Pontevedra). O tempo que pasei alí foi moi importante para min, para optar polo galego como lingua, para defender o ecoloxismo social, para gostar do rural e apreciar a cultura labrega. Así e todo, como profesión e modo de vida sempre estivo nun plano secundario, xa que era consciente do complicado que era, e aínda máis na miña situación.

Coa chegada da crise sabía que o meu emprego non ía continuar. A miña formación e experiencia apuntaban cara á emigración, mais eu prefería ficar. A miña parella tiña un traballo aparentemente estábel e contabamos con algúns aforros, así que nos pareceu o momento de retomar aquilo que ficara como un plano B estreitamente ligado á miña traxectoria de militancia ecoloxista, polo consumo responsábel e pola soberanía alimentaria dos pobos. Cría daquela, e continuo a pensar, que é necesaria unha certa re-ruralización da nosa sociedade e do mundo, que o futuro, se o hai, será rural. O caso é que nin daquela sabía, nin agora podo saber, cando vai chegar ese futuro, no caso de que realmente vaia ser así.

En que etapa está agora a túa granxa?

O ano pasado perdín diñeiro coa granxa, en parte porque tiven varios roubos, mais non só. Supoño que son cousas dos comezos. Agora coido que estou a cubrir gastos, ou iso espero. Tiven algún momento de dificultades para vender, mais, agora mesmo, teño máis demanda da que dou cuberto e coido que aínda hai marxe para aumentar clientes. Procuro equilibrar a produción co mercado que teño, para non ficar con produto sen vender nin deixar clientes frustrados. Ten a súa complicación. Aínda non teño A Quinta a pleno rendemento: non estou no tope de produción de avicultura artesanal, as froiteiras aínda son moi novas, e das colmeas preocúpame máis que sobrevivan á velutina.

Daquela, ¿que plans tes en mente para seguir coa quinta?

Agora necesito poder ter as ovellas en pastos cercados, porque lles dedico moitísimo tempo que debería ocupar noutros labores. Preciso terra, tanto para cultivar como para pasto e herba seca. Quero retomar a horta. Espero que dunha vez se regule o sacrificio na explotación para avicultura artesanal e poder construír unha envasadora de ovos e un matadoiro. Tamén debería facer algún galiñeiro máis. Quero aumentar o rabaño e engadir algunhas cabras e, co tempo, gostaría de poder facer zumes e marmeladas coas miñas froitas. Coas abellas aspiro a por fin poder ter as velutinas a raia e comezar a producir con normalidade.

Xosé María Vilaverde

"A agroecoloxía e a soberanía alimentaria son pezas chave para conseguir unha saída emancipatoria a esta crise de civilización”

Cunha taxa de paro na Galiza do 35% en menores de 25 anos, e superior ao 15% na franxa entre os 25 e 54 anos, ¿sería algún momento posible recolonizar o noso rural, tan abandonado e desertizado, con proxectos agroecolóxicos coma o teu?

Non sei se coma o meu, mais debería ser posíbel e na miña opinión é moi necesario. Nunha situación de crises como as que estamos a vivir e, nomeadamente, coa crise ecolóxica global e o cada vez máis próximo mundo post-petroleiro, cómpre repensar e reconstruír tanto a nosa sociedade como o conxunto do sistema económico global. Podemos mirar de nos adiantar ou improvisar sobre a marcha. Podemos comezar xa a diminuír os danos ou deixar que a destrución avance descontrolada. Podemos procurar unha saída socialmente xusta e ecoloxicamente sustentábel ou deixar que a inxustiza medre da mao da destrución, nunha fuxida cara adiante de acumulación e blindaxe da minoría privilexiada. A agroecoloxía e a soberanía alimentaria son pezas chave para conseguir unha saída emancipatoria a esta crise de civilización.

Como potenciarías a agroecoloxía e a incorporación de xente nova ao agro dende as institucións?

É unha cuestión de vontade política, e de capacidade, claro, porque hoxe temos moitos niveis de goberno e por riba deles aínda hai tratados e acordos internacionais de comercio. En diferentes momentos históricos, cando se precisou poboar determinados territorios ou aumentar a produción propia de alimentos, fíxose, e o Estado ou o poder que for deu ou facilitou terra, formación e o que fose preciso.

Hoxe necesitamos iso, unhas políticas decididas a facilitar o aceso á terra a xente nova para producir de forma sustentábel, unhas normas que permitan a comercialización dos seus produtos e formación e acompañamento para producir, transformar e comercializar. Na miña opinión, o ideal sería que se multiplicasen os proxectos colectivos con terra en mancomún, parécenme máis flexíbeis e resistentes a un novo abandono, mais temos a realidade que temos e non sempre isto é posíbel. O meu proprio proxecto non encaixa nese ideal.

Ti tes traballado na cuestión da soberanía alimentaria. Cres que é posible acadar esa soberanía na Galiza nestes tempos nos que importamos boa parte dos alimentos que consumimos e abandonamos o sacho e as feiras a cambio dun carro de supermercado?

O actual modelo de produción, comercialización e consumo de alimentos basease en baixos prezos e desestacionalización. Para que isto sexa posíbel, a agroindustria avanza no traballo en grandes monocultivos altamente mecanizados que producen “alimentos quilométricos” ou “viaxeiros”, unha agricultura sen labregos e labregas, con man de obra barata, ecoloxicamente insustentábel e centrada en producir grande cantidade de alimentos baratos, duradeiros e visualmente atractivos; non en achegar á humanidade alimentos sans, nutritivos e deliciosos de forma ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusta.

No modelo agroindustrial é fundamental o petróleo e a enerxía barata en xeral, e isto non parece que vaia durar moito máis. É urxente, ademais, deter a destrución ambiental, parar de esgotar solos e auga, frear a mudanza climática. E, para iso, non serve o actual modelo hexemónico. Tampouco serve para democratizar o aceso á produción e consumo de alimentos sans e nutritivos, nin para avanzar na xustiza social. Para isto cómpre reruralizar Galiza en certa medida e volver a unha alimentación baseada en produtos locais, frescos e de tempada.

O control da alimentación debe estar no campesiñado e na cidadanía, na sociedade, non nun reducido grupo de empresas transnacionais. Para isto, cómpre moito traballo desde a sociedade, mais tamén en todos os niveis de goberno. É unha opción política a contracorrente de todo o que se está a facer desde hai demasiado tempo.