A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG celebra o seu Congreso do Leite nun contexto no que Galiza perde 10'66 millóns ao mes polos baixos prezos

O SLG celebra o seu Congreso do Leite nun contexto no que Galiza perde 10'66 millóns ao mes polos baixos prezos

16 de Decembro do 2017

Congreso do Leite

O Sindicato Labrego Galego celebrou, o 15 de decembro, o seu Congreso do Leite en Ordes (A Coruña), onde a gandeira vilalbesa Lupe Prado foi reelixida responsábel do sector. A Dirección do Leite do SLG saínte deste congreso, cuxos membros foron elixidos en asembleas comarcais que se celebraron nas últimas semanas por toda a xeografía galega, terá entre as primeiras tarefas da súa axenda nomear catro representantes provinciais que apoiarán a Lupe Prado no día a día das súas responsabilidades sindicais.

Na súa intervención inaugural, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, denunciou que se computamos a marxe existente entre o prezo medio do leite na Unión Europea e o prezo medio na Galiza, as 8.400 granxas leiteiras que seguen en activo na Galiza estarían a perder 10'66 millóns de euros ao mes (case 1.800 millóns das antigas pesetas). Nesa liña, Vilalba lembrou que no pasado Congreso do Leite do SLG, celebrado no ano 2011, seguían activas na Galiza unhas 13.000 granxas de leite, polo que o sector perdeu un terzo dos seus activos nos últimos seis anos. Precisamente, un dos temas centrais que ocupou as intervencións deste Congreso do Leite foi o dos baixos prezos, problemática enquistada no sector dende vello e que, nos últimos tempos, coa fin do sistema de cotas, viuse agravado. Neste senso, o SLG segue a defender a necesidade de que haxa un prezo base negociado polos axentes do sector e que, a partir de aí, se vaian sumando ou restando en base a calidades. E todo iso, plasmado nun contrato de obrigado cumprimento. Pero sempre, en primeiro lugar, un prezo xusto negociado; só despois, o contrato.

Lonxe disto, actualmente é a industria a que impón de maneira unilateral os prezos, fai e desfai criterios de calidade para manipular eses valores ao seu antollo e obriga a asinar os contratos que previamente redacta sen o concurso da parte produtora.

Diante disto, o Congreso do Leite do SLG ratificouse no compromiso de “seguir defendendo e reivindicando que exista un prezo de partida negociado para un leite tipo tamén acordado por ambas partes, que cubra os custos de produción e, a partir del, que se apliquen as primas que cada comprador estipule e que o produtor ou produtora acepte”.

Outro dos eixes reivindicativos que se desprende do relatorio é a regulación de mercados, moi necesaria dende a fin do sistema de cotas e diante dunha tendencia a concentrar a produción cada vez en menos mans, o que implica a destrución progresiva do emprego e do tecido social vinculados á produción leiteira: “Deberemos garantir un nivel de renda mínimo para todas as persoas traballadoras da explotación, e para isto faise necesaria a regulación do mercado. En caso contrario, a concentración da produción en moi poucas explotacións será inevitable, co conseguinte peche das poucas que nos quedan”.

Outro dos cabalos de batalla de cara a facer rendible a produción leiteira ten que ver cos custes de produción. Neste senso, debatéronse numerosas variábeis que inflúen neses custes e que dependen das políticas adoptadas pola administración. A dificultade para acceder a unha base territorial suficiente, os ataques continuados da fauna salvaxe, impostos excesivos ou sacrificios innecesarios no marco de campañas de saneamento gandeiro, son factores que lastran as marxes de beneficio das nosas granxas e que dependen en grande medida das decisións políticas do Goberno do Estado, da Xunta ou dos concellos.

Outras demandas xurdidas do Congreso do Leite do SLG foron a necesidade de implementar un “plan de incorporación de mozas e mozos que poida garantir que todas as explotacións poidan seguir sendo viábeis no futuro”, potenciar alternativas comerciais como a venda directa ou incidir para que os grandes grupos cooperativos que están a xurdir na Galiza sigan a ser unha ferramenta útil para as granxas.

Congreso do Leite do SLG