A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Sindicato Labrego Galego insta á Consellaría de Medio Rural a actuar diante da inminente caída do prezo do leite

O Sindicato Labrego Galego insta á Consellaría de Medio Rural a actuar diante da inminente caída do prezo do leite

16 de Xaneiro do 2018

Lactalis

Nas conversas entre transportistas e os gandeiros e gandeiras que producen leite na Galiza, xa se está a estender o rumor de que nesta primavera volverán caer os prezos do leite. Trátase dunha práctica que vén de vello na que os choferes dos camións cisterna das industrias van afacendo a produtores e produtoras á idea de que a caída do valor do leite é algo inevitable que acontecerá si ou si.

Máis alá das conversas no sector produtor, esta caída de prezos xa está prevista pola propia Comisión Europea. E é que a produción de leite na UE aumentou estimulada polo incremento de prezos a causa da forte demanda de manteiga ao longo de 2017. Para a Comisión, a produción de leite na UE aumentará a razón de 1 millón de toneladas por campaña, o que fará que os prezos caian xa en 2018-2019, pero non tanto como na última crise, de maneira que a media non baixará dos 30 céntimos.

O problema é que, mentres na UE subiu o prezo medio do leite até os 37 céntimos por litro de setembro, na Galiza case non houbo incremento de prezos e a nosa media ás penas rozou os 30 céntimos. De aí que as nosas granxas se atopen nunha situación de extrema vulnerabilidade nun contexto de sobreprodución e baixadas de prezos como o que se aveciña. Así as cousas, países como Franza, Alemaña, Austria, Holanda ou Bélxica teñen certa marxe para encaixar baixadas; ao tempo que calquera caída nas granxas galegas, co nivel de prezos que temos, resultará dramática e provocará unha forte crise.

A reclamación millonaria contra Lactalis podería repercutir nas granxas

Outro factor a ter en conta é que unha das principais compradoras de leite na Galiza, a multinacional francesa Lactalis que comercializa marcas como Puleva ou Lauki, enfróntase a unha reclamación da Axencia Tributaria de 13'6 millóns de euros. A maiores, esta mesma empresa está a asumir fortes gastos derivados do escándalo alimentario de leite en po para meniños contaminada con salmonela que tivo que retirar dos supermercados; que lle obrigou a paralizar a actividade da súa fábrica de Craon, na rexión do Loira; e que lle supuxo a presentación de numerosas reclamacións por parte de organizacións de consumo. Cando unha industria láctea é multada ou sofre gastos extraordinarios como os citados, todos e todas sospeitamos como fai cadrar o seu balance de contas para non perder cartos: baixando os prezos en orixe do leite. Por iso, non sería de estrañar que a caída de prezos que se aveciña viñese liderada por Lactalis.

"Dado que non existen mecanismos cos que os labregos e labregas poidan defender uns prezos mínimos dignos -as OPLs ou organizacións de produtores e produtoras non serven para nada, non hai instrumentos reguladores da produción nin leis que defendan as granxas dos abusos e da extorsión das industrias-, podemos agardar o peor"

Dado que non existen mecanismos cos que os labregos e labregas poidan defender uns prezos mínimos dignos -as OPLs ou organizacións de produtores e produtoras non serven para nada, non hai instrumentos reguladores da produción nin leis que defendan as granxas dos abusos e da extorsión das industrias-, podemos agardar o peor. Esta indefensión manifesta diante da inminente caída de prezos agravarase co previsible abandono de funcións da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura que, como fixeron até agora diante de situacións de crise, encomendaranse á inefable boa vontade da industria e da distribución do acordo lácteo que o Sindicato Labrego Galego se negou a asinar. E cos prezos que tivemos na Galiza nos últimos anos, ben sabemos para que serven a boa vontade e o acordo lácteo: para nada.