A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Galiza perdeu máis de 1.500 granxas lácteas dende a fin das cotas e segue a ter un dos prezos máis baixos de Europa

Galiza perdeu máis de 1.500 granxas lácteas dende a fin das cotas e segue a ter un dos prezos máis baixos de Europa

4 de Abril do 2018

Vaca UE

Co remate da campaña 2017-2018 no sector lácteo, cúmprense tres anos dende que desapareceu o sistema de cotas lácteas. Polo medio, tivemos unha das peores crises de prezos que se recordan e pecharon máis de 1.500 granxas: das 9.484 explotacións en activo que había en abril de 2015, pasamos ás 7.967 que contabilizaron os últimos datos do sector, correspondentes a xaneiro de 2018.

Prezos baixos como en Lituania ou Romanía

O peor de todo é que esta situación de crise crónica do leite galego non se corresponde coa conxuntura do sector a nivel europeo, que viviu un período bonanza grazas á escaseza de manteiga e aos altos prezos de cotización deste produto. Así, mentres os principais países produtores da UE tiveron prezos medios superiores aos 35 céntimos -algúns como Alemaña, Holanda, Austria ou Irlanda en torno aos 40-, na Galiza ás penas se superaron timidamente os 30, padecendo o meirande das nosas granxas valores inferiores, polo xeral entre os 26 e os 28 céntimos. Os prezos do leite na Galiza están á par dos peores de Europa e son semellantes aos de países como Bulgaria, Eslovenia, Estonia, Lituania ou Romanía. O peor de todo é que non chegaremos a beneficiarnos da bonanza, pois os prezos xa levan un par de meses amosando síntomas de baixada, con caídas nas medias e nos contratos da nova campaña.

Todo o poder para as industrias

A supresión das cotas do leite supuxo o desregulamento total do sector e deixarlle ás industrias todo o poder para impoñer contratos con cláusulas arbitrarias e abusivas e para manter na Galiza os prezos artificialmente á baixa. Isto evidencia un máis que posible pacto entre empresas, algo ilegal que debería investigar a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), que semella estar só vixiante diante de acordos de prezos favorables para as granxas pero non á hora de fiscalizar as infraccións flagrantes da industria.

Inexistencia de políticas para o sector e fracaso do acordo lácteo

Estes tres anos de liberalización salvaxe do sector estiveron bendicidos dende as diversas administracións pola ausencia total de políticas para o sector lácteo, tanto a nivel comunitario, como estatal e galego. Nin sequera a crise de 2015 serviu para que o Ministerio de Agricultura ou a Consellaría de Medio Rural fixesen algo polo sector. Do Acordo de Sostibilidade do Sector Lácteo de boa vontade que asinaron as industrias e as cadeas de distribución -coa bendición de UUAA e Asaja e a oposición de COAG e o Sindicato Labrego Galego- nada se sabe. O imperio mafioso das industrias á hora de impoñer contratos e prezos, e o descaro das cadeas de distribución para seguir utilizando o leite como reclamo a pesares das denuncias e das multas, é a constatación do fracaso deste acordo. Polo demais, desmanteláronse os foros de diálogo como a Mesa do Leite e substituíronse polas Organizacións de Produtores/as Lácte@s (OPLs), uns chiringuitos que só serven para cobrar subvencións por non facer nada, o que podería ser un claro caso de malversación de fondos públicos.

Síntomas dunha nova crise: sobreprodución e caídas continuadas no prezo

En resume, a fin do sistema de cotas e a carencia de políticas de control dos prezos e dos mercados xa provocaron unha forte crise por sobreprodución en 2015 e están axudando a xestar a seguinte. Os últimos datos indican que o prezo medio do leite volveu a caer na UE en febreiro, por terceiro mes consecutivo, cun valor de 35'07 céntimos e acumulando un descenso, dende decembro, do -7'3%. Ao mesmo tempo, comezan a saltar as alarmas polo exceso de produción: en xaneiro do 2018, o crecemento das entregas continuou a tendencia dos meses precedentes, cun aumento do 4% en relación ao mesmo mes do ano anterior, e do 5,4% no Estado Español.

Necesidade de políticas públicas para o sector lácteo que garantan uns prezos dignos e unha produción acorde á demanda

O sistema de cotas non era perfecto, pero a liberalización salvaxe que agora se impón é aínda peor. De seguirmos por este camiño, o sector lácteo galego seguirá a ser o máis prexudicado, até o punto de que agora é posible que as industrias, con macroproxectos como a granxa de Noviercas con 20.000 vacas, aposten por deslocalizar e levar a produción preto dos grandes centros urbanos para reducir custes. De feito, o peche xeneralizado de granxas en toda a UE marca unha tendencia a concentrar a produción cada vez en menos mans, incidindo na desarticulación, desemprego e desertización do noso medio rural e promovendo un modelo intensivo moi pouco sostible económica, social e ambientalmente.

Por iso, dende o SLG seguimos reclamando a necesidade de facer políticas públicas de control da produción e dos mercados que garantan prezos dignos e unha distribución racional e xusta da capacidade produtiva dos diversos territorios. Tamén avogamos pola necesidade de que os diversos axentes do sector se reúnan en foros de diálogo arbitrados pola administración, como a Mesa do Leite, para chegar a acordos sobre prezos, contratos e condicións de compravenda. O contrario, seguir co sector liberalizado como até o de agora e permitir as prácticas mafiosas da industria, supón rubricar a sentenza de morte do sector lácteo galego, tal e como están a confirmar, lamentablemente, as estatísticas.