A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A aposta polas razas de gando autóctonas ten premio

A aposta polas razas de gando autóctonas ten premio

11 de Xullo do 2018

Razas autóctonas Galiza

O pasado 7 de xuño, no marco da 41ª Feira Semana Verde de Silleda, celebráronse varios concursos para premiar os mellores exemplares de razas galegas en perigo de extinción. En concreto, houbo competición en razas bovinas como Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa; e tamén en Porco Celta e Galiña de Mos. Máis alá do gando, tamén houbo certame de cans de palleiro. Cadrou que, nesta ocasión, houbo cinco afiliados do Sindicato Labrego Galego que foron galardoados.

En raza Limiá, Lisardo López, de Tarabelos, en Baltar, fíxose co primeiro premio; mentres que Xesús Pardal, de Moares, na parroquia de Hermedelo (Rois), obtivo o segundo. Tamén conquistou o primeiro posto Xosé Blanco, de Cimadevila (Montederramo), con Vianesa; raza na que Fernando Bouzas, de Fontefría, en Toxosoutos (Lousame), levou o terceiro. En Caldelá, Roberto Louzán, de Viascón (Cotobade), foi galardoado cun segundo posto; e, Xosé Barreira, de Muimenta (Cospeito), levou para casa dous premios para os seus cans de palleiro (1º en macho novo e 2º en femia adulta) e outros dous para os seus porcos celtas (2º en machos e 2º en recría).

Cómpre dicir que a maioría dos galardoados acumulan premios de anteriores edicións nestes certames, polo que ver premiada a excelencia do seu traballo non lles é algo novo: Xesús Pardal foi 1º en Limiá en 2016; Xosé Blanco quedou 1º e 2º nos anteriores concursos; Xosé Barreira, o 1º en porca celta adulta en 2017; e Lisardo xa é a terceira vez que ve premiada a súa vaca Laga. Pola súa banda, Fernando Bouzas non só levou un 2º premio o ano pasado tamén, senón que dous animais de raza Vianesa que vendeu da súa gandería quedaron 1º premio o ano pasado e 2º neste. Pola súa banda, aínda que Roberto Louzán era a primeira vez que se presentaba a un certame, da calidade do seu gando dan testemuña os miles de persoas que se teñen dado cita na Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto de Cercedo-Cotobade, que o pasado 27 de maio celebrou a súa quinta edición.

Dende o Fouce, conversamos con todos eles e foi doado sacarlles denominadores comúns á súa aposta polas razas autóctonas. Todos coinciden en valorar a rusticidade como un dos elementos que decantan a balanza a favor das nosas razas. Esa rusticidade fai que os animais podan vivir sen problema ceibos e ao aire libre e que ás penas teñan gastos veterinarios. Un bo exemplo é que estas razas bovinas, a diferenza doutras con maior aptitude comercial como a Rubia, paren soas no monte, sen axuda de ningún tipo, e nunca dan problemas nos partos. Certo que os quilos por canal que dan os xatos son menores, pero a carne é de maior calidade, e o que non se gaña por peso, afórrase en gastos sanitarios.

E, máis alá das bondades destes animais, os premiados tamén coincidiron en valorar a súa aposta polas razas autóctonas como unha defensa dun patrimonio cultural noso, do pobo galego, que debemos poñer en valor e coidar para legarllo ás xeracións vindeiras e vaian a carón delas do mesmo xeito que fixeron coas devanceiras ao longo dos séculos: como unha parte insubstituíble da nosa identidade.

Razas autóctonas galizaDe esquerda a dereita, e de arriba a abaixo: Fernando Bouzas, Xesús Pardal, Xosé Blanco, Roberto Louzán, Lisardo López  e Xosé Barreira