A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG pide a convocatoria urxente da Mesa do Leite tras perder o sector máis de 7 millóns de euros en decembro

O SLG pide a convocatoria urxente da Mesa do Leite tras perder o sector máis de 7 millóns de euros en decembro

14 de Febreiro do 2019

Muxido capitalista

Trala celebración do Consello Agrario Galego, o Sindicato Labrego Galego considera urxente a convocatoria dunha Mesa do Leite na que haxa representación de industrias, distribución e organizacións agrarias para abordar a crise crónica de prezos que arrastran as granxas galegas antes de que comece a nova campaña o 1 de abril, e antes de que se asinen contratos á baixa, tal e como vén acontecendo nas últimas semanas (consultar AQUÍ).

O Sindicato Labrego Galego non está de acordo coa visión idílica que pretenden darnos do sector lácteo dende a Consellaría de Medio Rural, que destacou o incremento de facturación das granxas nun 16% en 2018 con respecto a 2016. Trátase dun dato tramposo xa que, dende 2016, incrementouse a produción e, polo tanto, as vendas; e, naquela época, o sector padecía aínda unha das súas peores crises de prezos. Precisamente, en 2016 o prezo medio do leite na Galiza foi de 28 céntimos, caendo durante varios meses dese ano por baixo dos 27. Por iso, non é de estrañar que en 2018 tivésemos máis ingresos que en 2016. Ademais, a rendibilidade non deixou de caer polo aumento dos custes de produción.

Galiza co nivel de prezos de Romanía, Bulgaria, Lituania, Hungría e Letonia

O certo é que a situación de baixos prezos que padece o sector lácteo galego está a ser cada vez máis preocupante, sen que a Consellaría de Medio Rural adoptase até agora ningunha iniciativa para enfrontar este problema. Os datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) a semana pasada, sobre o prezo medio do leite en decembro de 2018, confirman o estancamento das nosas granxas no peor valor do Estado e nun dos peores da Unión Europea: 31'70 céntimos. De feito, con este novo dato na man, o prezo medio de Galiza caeu dous postos en Europa con respecto a novembro, por baixo de Eslovaquia e Portugal. Na UE, só hai peores prezos que na Galiza en Romanía, Bulgaria, Lituania, Hungría e Letonia. Se aplicásemos o diferencial entre o prezo medio comunitario e o galego en decembro de 2018, as granxas galegas perderon de ingresar só ese mes 7.152.533 euros. Todo isto hai que analizalo co agravante de que a tendencia do prezo no contexto internacional é de suba.

Esquema leite decembro 2018

O papel das OPs na negociación dos prezos: un cero á esquerda

O único que se nos veu ofrecendo nos últimos anos para tentar mellorar os prezos foron as Organizacións de Produtores (OPs). Pero, dende que se creou esta figura en 2012, o labor das OPs na Galiza foi o dun cero á esquerda: nada se sabe de que negociasen con alguén e, tras un lustro de suposta actividade, seguimos padecendo os peores prezos do Estado. Ademais, a Consellaría de Medio Rural non pode ceder a negociación do sector lácteo galego en entidades que só representan unha fracción das nosas granxas.

Para o SLG, as OPs só serviron, até agora, para captar abondosas subvencións a conta do erario público e non facer nada. Por non facer, nin sequera informan ás granxas que forman parte delas, pois dende o SLG soubemos que os gandeiros e as gandeiras asociadas a unha OP na Galiza nunca recibiron ningún tipo de informe nin foron convocadas a ningún acto informativo para coñecer que se está a negociar no seu nome. Por todo o devandito, para o Sindicato Labrego Galego o único foro onde as nosas granxas poden negociar os prezos debe seguir sendo unha Mesa do Leite onde estean representadas a industria, a distribución e as organizacións representativas do sector. Seguir confiando nas OPs para este labor, será seguir queimando cartos públicos para non facer nada.

Sen prezos, non hai Plan Estratéxico no sector lácteo que valla

En canto ao Plan Estratéxico do Sector Lácteo anunciado polo novo conselleiro de Medio Rural, José González, cremos que pode ter elementos positivos se se fai en consenso co sector e coas súas necesidades. Dende o SLG, estamos dispostos e dispostas a apoiar todas aquelas iniciativas que teñan que ver con dotar de base territorial ás nosas granxas, ben sexa a través do Banco de Terras, ben sexa perseguindo a forestación de terras agrarias. Tamén vemos positivo que se potencie a transformación do leite en produtos de valor engadido sempre que repercuta nunha mellora dos ingresos das granxas ou dos prezos en orixe.

Iso si, agardamos que este plan estratéxico teña maior percorrido que o anunciado pola antecesora de González, Ángeles Vázquez, que tamén presentou o seu propio, organizou un par de xuntanzas para falalo, e non se volveu saber nada máis del. Ademais, calquera plan para o sector lácteo será inútil se non se traballa de maneira seria e decidida a mellora dos prezos en orixe. A maiores da Mesa do Leite, dende o SLG cremos que hai accións que poden axudar neste sentido e que dependen da vontade da propia Consellaría de Medio Rural. Unha desas accións podería ser a de presionar ao Ministerio de Agricultura para que a lei protexa ás granxas dos abusos e imposicións da industria. Tamén podería axudar a realización de estudos serios e obxectivos sobre os custes de produción que axuden á hora de negociar e fixar prezos; respecto disto último, cómpre lembrar que os únicos datos oficiais ao respecto, os da Rede de Granxas Típicas (Rengrati) do Ministerio de Agricultura, deixaron de actualizarse a mediados de 2017.