A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Tenreira Galega aproba elevar a idade dos becerros anellos de dez a doce meses co voto en contra do SLG

Tenreira Galega aproba elevar a idade dos becerros anellos de dez a doce meses co voto en contra do SLG

2 de Agosto do 2019

Becerros

O pasado 20 de xuño, o pleno do consello regulador da IXP Tenreira Galega reuníase en Compostela para debater unha proposta: o aumento da idade de venda dos becerros de 10 a 12 meses, como acontece no resto do Estado. Aínda que finalmente se aprobou a medida por maioría, o Sindicato Labrego Galego votou en contra. De seguido, explicamos por que.

O motivo principal de debater esta decisión ten que ver coa comercialización. As vendas de becerros concéntranse nos primeiros meses do ano, o cal fai que os prezos caian por exceso de demanda. Ampliando a idade dos becerros (agora considéranse anellos a partir dos dez meses), agárdase poder distribuír máis vendas cara ao verán, época na que os prezos tenden á alza. Estes becerros entre 10 e 12 meses venderíanse como de Tenreira Galega normal.

A cuestión debateuse previamente na Dirección da Carne do SLG, resultando maioritaria a opción de non apoiar esta proposta. Moitas opinións coincidiron en prever que, dando dous meses máis de cebo aos becerros, o peso por canle aumentará, de maneira que corremos o risco de afectar negativamente os prezos por un novo incremento da produción, pero desta vez xa na época estival, cando tenden a mellorar.

Esta foi a postura que defendeu o noso vocal no pleno da IXP, Adolfo Cabarcos. Porén, a maioría votou a favor da medida. Agora, con esta decisión aprobada, a modificación do regulamento da IXP ten que ir a Bruxelas, polo que aínda haberá que agardar un período transitorio duns tres anos até que o cambio de normativa sexa efectivo e aprobado definitivamente.

Para Adolfo Cabarcos, o problema existe e hai que buscarlle unha solución. O ideal sería programar a distribución dos nacementos para que non coincidan todos na mesma época. Pero a natureza é túzara neste aspecto e é difícil programar os partos, especialmente nas ganderías en extensivo. Ademais, moitas granxas resístense a mudar os seus hábitos e calendarios de traballo.

Outro problema que apuntou Cabarcos é que, no último ano caeu o consumo xeral de carne un 8%. Van mudando os hábitos alimenticios da poboación e a xente consume menos carne. Agora mesmo, en Tenreira Galega mantéñense os prezos e as vendas grazas, en parte, ás exportacións. De feito, en 2018 comercializáronse 712 toneladas máis de carne certificada por Tenreira Galega, supoñendo un incremento do 3'4% con respecto a 2017. Os prezos foron dos 4'30 € aos 5 € por quilo.