A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A industria láctea extorsiona as granxas obrigando a falsear a cláusula de custes co beneplácito de Agricultura e Xunta

A industria láctea extorsiona as granxas obrigando a falsear a cláusula de custes co beneplácito de Agricultura e Xunta

30 de Maio do 2020

Contrato atraco

A recente reforma que fixo da Lei da Cadea Alimentaria o Ministerio de Agricultura, presionado polas fortes protestas do agro en todo o Estado, obriga a incluír unha cláusula nos contratos na que se faga referencia a que o prezo pactado entre industrias e produtores e produtoras cobre os custes de produción. Pero quen fixo a lei, fixo a trampa...

Aínda que en teoría poida parecer unha medida positiva, ao non establecerse unha referencia oficial sobre os custes de produción, no sector lácteo as industrias están a impoñer, baixo ameaza, o seu criterio nesta cláusula como no resto de termos que inclúen os contratos: ou a granxa asina, ou deixan de recollerlle o leite. Así, na práctica, todas as granxas están asinando que o prezo que lles impón a industria cobre os custes de produción aínda a sabendas de que iso é falso.

O prezo medio na Galiza mantívose estancado á baixa dende decembro a marzo. Os datos do sector nas estatísticas do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) revelan unha media de 32'7, 32'6, 32'3 e 32'3 céntimos nos meses referidos, tendencia que continuará nos seguintes xa que as industrias están obrigando a asinar contratos á baixa para a seguinte campaña. Porén, existen datos, como os publicados no último Estudo de Custes e Rendas das Explotacións Agrarias (Ecrea), realizado polo propio Ministerio de Agricultura en 2017, que revelan que os gastos medios dunha granxa de leite na Galiza rolda os 39 céntimos, moi lonxe do prezo medio actual. De feito, no Sindicato Labrego Galego temos constancia de que se están a asinar contratos no sector lácteo con prezos miserables de 24 céntimos por litro.

Con datos coma estes, resulta evidente que os prezos do leite en orixe na Galiza non están a cubrir os custes de produción. Nunca o fixeron, polo que a cláusula dos custes semella máis ben un engano do Ministerio de Agricultura para acalar as protestas labregas sen contrariar á industria. Xa o di a sabedoría popular: Quen fixo a lei, fixo a trampa. O peor de todo é que esta extorsión legalizada estase a perpetrar con absoluta impunidade grazas ao amparo e pasividade do propio Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, que miran cara a outra banda en vez de defender os intereses do agro.

A mellor expresión desta pasividade cómplice témola no compromiso incumprido da Consellaría de Medio Rural de realizar e publicar estudos sobre os custes de produción das explotacións lácteas galegas que poidan servir de referencia. Así se nos asegurou que ían facer na última xuntanza da Estratatexia de Dinamización do Sector Lácteo, celebrada a finais do ano pasado, pero aínda estamos agardando. Desta maneira, a día de hoxe, as únicas referencias sobre custes de produción do leite realizadas e publicadas pola Xunta, das que teñamos coñecemento, seguen datando de 2015.

Nun comunicado recente (bit.ly/PerdasLeite2019) advertiamos da posibilidade de denunciar feitos coma estes diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) e, eventualmente, valorar as posibilidade de iniciar unha demanda xudicial semellante á que xa está en marcha contra o cártel do leite. De feito, se unha granxa demostra que está a vender por baixo de custes, algo moi doado polo estrito control contable que deben levar, o propio contrato serviría como proba irrefutable da fraude e da extorsión das industrias. Dende o Sindicato Labrego Galego imos estudar todas as posibilidades legais para denunciar diante das autoridades competentes este paso adiante nos modos de extorsionar que a industria láctea exerce sobre as nosas granxas, así como reclamar o compromiso inequívoco de Agricultura e Medio Rural para que isto non siga acontecendo. E a única maneira de que iso aconteza, máis alá de expresar un apoio público e inequívoco ás granxas, é fixando un estudo de referencia que marque uns custes de produción aos que se teñan que cinguir os contratos e as súas cláusulas, ademais de velar polo cumprimento da legalidade.

Contrato atraco