A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Sindicato Labrego Galego denuncia na AICA a extorsión contra as granxas lácteas coa nova cláusula dos custes

O Sindicato Labrego Galego denuncia na AICA a extorsión contra as granxas lácteas coa nova cláusula dos custes

20 de Xuño do 2020

Aica

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un escrito de denuncia na Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) no que se dá conta da extorsión que están a sufrir as granxas ao ser obrigadas a falsear a cláusula do contrato na que se di que o prezo pactado cobre os custes de produción.

Esta práctica violaría o novo artigo da Lei da Cadea Alimentaria, de maneira xeneralizada por parte das industrias lácteas, que apunta, no apartado J), a obriga de que figure no contrato “indicación expresa de que o prezo pactado entre produtor primario agrario, gandeiro, pesqueiro ou forestal ou unha agrupación destes e o seu primeiro comprador cobre o custo efectivo de produción”.

Para demostrar que os novos contratos que se están a asinar, inclúan ou non a cláusula, incumpren sistematicamente a cobertura deses custes, o Sindicato Labrego Galego cita na súa denuncia o Estudo de Custes e Rendas das Explotacións Agrarias (Ecrea) do Ministerio de Agricultura, que sitúa os custes medios de produción das granxas lácteas galegas en 39 céntimos; contrastado cos índices de prezos medios publicados polo Observatorio do Sector Lácteo do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que revela uns prezos medios ponderados ao redor dos 32 céntimos, e con tendencia á baixa nos novos contratos que se están a asinar.

Na súa denuncia, o SLG sinala á práctica maioría de operadores e industrias como culpables e “o inmenso temor ás represalias” que teñen as granxas de denunciar por si mesmas ou de negarse a asinar uns contratos nos que non se di a verdade. Con esta denuncia, dende o Sindicato Labrego Galego agardamos que a Aica, como organismo competente para realizar as comprobacións que corresponda das denuncias por incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria, actúe e poña fin ás prácticas mafiosas da industria láctea obrigando a pagar ás granxas un prezo xusto e digno polo leite que realmente cubra os custes de produción.