A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. 28 Out:Convocamos ao sector leiteiro galego fronte á discriminación da PAC2023

28 Out:Convocamos ao sector leiteiro galego fronte á discriminación da PAC2023

25 de Outubro do 2021

Lugo28-out

Este xoves 28 de outubro o Sindicato Labrego Galego convoca ao sector lácteo galego en Lugo para poñer en común os problemas tan graves que estamos vivindo, e decidir entre todas as persoas que accións podemos levar adiante. Esta encontro, baixo o lema-denuncia “Nin PREZOS nin PAC”, terá lugar de 11h a 14h. no Salón de Actos da Casa Sindical de Lugo.

O sector leiteiro galego leva meses a agardar e demandar medidas frente os dous graves problemas de fondo que se manteñen presentes como a máis inmediata ameaza á súa viabilidade: o baixo prezo do leite e os altos custos de produción.

Segundo datos de agosto, das 11.687 persoas produtoras de leite que sobreviven no Estado español, 6.540 son galegos e galegas (a seguinte comunidade autónoma é Asturias, con 1.476). Sen embargo, non nos pagan o leite como no resto do Estado nin se apunta unha mellora nos próximos meses. A pesar de que algunhas industrias anunciasen subidas, na maioría dos casos fanse insuficientes. Noutros, precisamente os que por volume de recolla pesan no Observatorio Lácteo e nos contratos que o toman de referencia, non teñen pensado mover os prezos.

En xaneiro de 2021 o prezo medio estatal foron 0,34 euros por litro. Na Galiza 0,33/l. En agosto o prezo medio estatal foron 0,338 euros por litro. Na Galiza 0,327/l. É de salientar que a maioría inmensa das granxas sitúanse en realidade por debaixo desas referencias.

Isto, cando os custos de produción medios foron valorados, xa no inicio de xullo e por tanto antes de meses de suba constante, em 0,3565 €/l polo Observatorio da Cadea Alimentaria do Ministerio de Agricultura.

A alza xeralizada dos custos de produción está tamén afectando directamente ao sector leiteiro. As granxas de leite galegas perden 10 millóns de euros cada ano por non cubrir custos de produción. E prevese que esta situación empeore significativamente a partir de xaneiro do ano 2022, cando volte ser estipulado o prezo de insumos que se negocian anualmente, como os cereais ou, nalgúns casos, a electricidade.

A grande distribución, pola súa banda -que cando lle peta segue a empregar o leite como produto reclamo vulnerando o acordo lácteo-, xa subiu prezos nos supermercados, e agora comeza a facer campaña tentando xustificar un novo aumento de prezos ás persoas consumidoras argumentando que teñen que pagarlle máis ás persoas que producen.

O resultado do desprezo absoluto polo sector lácteo galego amosado tanto polas institucións políticas como polas industrias lácteas e grandes superficies comerciais pódese traducir a números: 317 granxas desapareceron na Galiza entre agosto do 2020 e agosto do 2021.

Dende o Sindicato Labrego Galego levamos meses denunciando esta situación que está afogando ao sector leiteiro galego. Tamén enviamos unha carta ao Conselleiro de Medio Rural, aos grupos parlamentarios galegos, ás parlamentarias galegas en Madrid e no Parlamento Europeo. Pero as decisións séguense a tomar na liña de discriminar e desprezar Galiza. Nin a Consellería nin o Ministerio están querendo escoitar.

Unha PAC que ignora a Galiza
O 56% dos produtores e produtoras de leite de todo o Estado están na Galiza. Producimos o 40,81% do leite a nivel estatal. Sen embargo, as propostas para a Política Agraria Común 2023 que están a negociar a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación son un absoluto despropósito e un desprezo para o sector leiteiro galego. Vémolo no proxecto de decreto de xurros, no proxecto de regulación do bovino, na medición das emisións... Nada se axusta á nosa realidade. As liñas presentadas polo Ministerio afondan nas inxustizas xa presentes na PAC actual, ao tempo que incorpora máis esixencias, burocracia e custos. De seguir por este camiño, esta nova reforma deixaranos, novamente, entre as comunidades cos pagos máis pequenos por persoa activa agraria e co maior número de persoas agricultoras a título principal que non cobran PAC.

Agora, este xoves 28 de outubro, convocamos ao sector leiteiro en Lugo.