A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite: negociación de prezos xa

Leite: negociación de prezos xa

21 de Maio do 2008

O leite é noso, poñámoslle o prezo

Mobilízate: non asines contratos a menos de 0,42€

Nos últimos meses a situación do sector lácteo mudóu radicalmente debido a dous factores: por un lado un forte incremento dos custos de produción; pensos, fertilizantes, gasóleo, seguridade social…, e por outro lado un forte descenso dos prezos pagados pola industria.

Estes dous condicionantes colocaron ó sector productor nunha difícil situación económica que soio ten unha saída posíbel: a consecución dun prezo xusto, que permita a viabilidade das explotacións. Iso significa: que cubre o traballo e os custos de produción; isto é o que o SLG considera prezo mínimo.

As labregas e labregos mantiveron mobilizacións diversas nos meses da primavera, convocadas polos tres sindicatos.

Pero o certo é que temos que recoñecer que non conseguimos os obxectivos marcados, ese prezo mínimo para o leite.

A falsa saída que dende a Administración galega e estatal se lle buscou á crise, que foi a posta en escea do contrato homologado para o leite, puxo na mesa de debate a posibilidade de que este prezo mínimo se poida establecer legalmente, aducindo que contradí a lexislación en materia de competencia.

Diante desta afirmación hai preguntas que xurden inmediatamente: non é tamén ilegal vender a prezos inferiores aos custos de produción?, non debería velar a Administración para que isto non pasara?

 Outra pregunta, sendo ilegal tamén a práctica da usura, sería: non debería haber unha lexislación que impedira que uns (os máis poderosos) se leven as grandes marxes comerciáis, mentres outros temos que vender a perdas ou con moi curta rentabilidade?.

Unha cousa está clara, se o mercado non ten ningunha regulación, a regulación impona quen ten máis poder económico: a gran distribución e a gran industria, e á parte máis numerosa do ciclo, a produción e o consumo, non nos queda máis remedio que achantar coas súas imposicións.

Cómpre, polo tanto, un cambio radical na lexislación da regulación dos mercados.

Asambleas comarcais

O SLG está a facer nestes momentos asambleas en todas as comarcas, aínda sendo conscientes que estamos na peor época do ano, pero pensamos que son imprescindíbeis para debatir e deixar claras algunhas cousas:

A primeira é impedir que a industria utilice os contratos para consolidar no tempo os baixos prezos actuais; que a xente non asine o contrato se o prezo non é suficiente.

A segunda, debatir esa necesidade de que se regulen as marxes comerciais e se establezan mecanismos que distribúan os beneficios en todas as partes do ciclo productivo: produción, transformación e distribución; de xeito claro e transparente, para que todo o mundo poda vivir da súa actividade de xeito digno.

Pero como esta parte din-nos que non é posíbel pola súa ilegalidade, temos que forzar cambios lexislativos que nos permitan que sexa posíbel chegar a ter un prezo mínimo decente, e que garanta que as explotacións se consoliden definitivamente como unha actividade rentábel.

Para chegar a iso non nos vai quedar máis remedio que volver a recorrer á mobilización, e temos que ir definindo que tipo de mobiliazación, tamén vendo que as desta primavera non deron resultados óptimos.

En moitas asambleas fálase maioritariamente que a única posibilidade é a folga de entregas.

Aínda que, como sempre, mete certo medo, se non hai outras posibilidades teremos que ir mirando como e cando a facemos, xa que o tempo apremia.

Os productores e productoras de Alemania e arredores xa a están a facer, e parece que empeza a dar algún froito.