A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As tres organizacións agrarias galegas sinalan as decisións políticas da Xunta e do Goberno do Estado como principais culpables da crise do sector lácteo

As tres organizacións agrarias galegas sinalan as decisións políticas da Xunta e do Goberno do Estado como principais culpables da crise do sector lácteo

2 de Novembro do 2011

Rolda de prensa

Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores ofreceron, o 2 de novembro, unha rolda de prensa para presentar un informe no que se denuncia a situación crítica pola que está atravesando o sector lácteo dende hai anos, e que agora se agudizou por factores conxunturais como a seca (o informe pódese descargar en pdf no remate desta nova).

Trala intervención das tres organizacións agrarias, e en resposta aos/ás xornalistas asistentes á rolda de prensa, os representantes das tres organizacións agrarias (Carme Freire polo SLG, Javier Iglesias  por UUAA, e Francisco Bello por XXAA) quixeron incidir na responsabilidade política que está detrás da crise pola que atravesan as explotacións leiteiras. Decisións políticas como a liberalización do sector eléctrico, que levou a duplicar a factura da electricidade que consumen as explotacións en tan só dous anos; o incremento constante no prezo do gasóleo; ou a especulación nos mercados de cereais e proteaxinosas, que fixo que aumentase exponencialmente o prezo das materias primas para a alimentación animal; están facendo minguar as misérrimas marxes comerciais que lograban as explotacións que tiñan beneficios, que non eran todas. De feito, moitas explotacións están tendo ingresos inferiores aos custes da actividade agraria que compensan con ingresos provenientes por outras vías, como pensións de persoas xubiladas ou traballos fóra da explotación.

Outro exemplo que puxeron as organizacións agrarias foi a imposibilidade das explotacións galegas para acceder á terra de cara a reducir custes produtivos, cultivando as súas propias forraxes e pasteiros; debido á aprobación de normas que posibilitan a invasión das terras agrarias por plantacións forestais, ou a inhibición da Xunta á hora de atender as denuncias por plantar ilegalmente eucaliptos e piñeiros en agros protexidos. Os sindicatos denunciaron que “a ningún goberno europeo se lle pasa pola cabeza permitir a plantación de eucaliptos en terreos que por pendente, orografía e clima son aptos para as actividades agrogandeiras; sen embargo, na Galiza é algo que está á orde do día e que se permite, mesmo en terras onde está prohibido por lei facelo”.

As organizacións agrarias acusaron á Xunta e ao Goberno do Estado de non ter á protección das actividades agrogandeiras entre as súas prioridades, ao contrario doutros países como Francia, onde os contratos cun prezo base respectado e con garantía política de cumprimento regula as relacións entre as explotacións e a industria, algo que no Estado Español segue sen existir. Sen ir máis lonxe, a semana pasada, o presidente Sarkozy anunciaba un ambicioso plan de apoio ao sector agrario e reclamaba accións da Comisión Europea de cara a regular os mercados e rematar coa crise do sector lácteo. E iso cando en Francia teñen un prezo garantido por contrato de 35 céntimos para o litro de leite; mentres que na Galiza temos un prezo sen garantía de 30 céntimos.

En vésperas de que comece a campaña electoral, os sindicatos agrarios galegos recriminaron aos principais partidos políticos que non teñan feito ningunha proposta para sacar ao sector leiteiro da situación crítica na que leva varios anos, a pesares de estarmos nun intre no que se están a desenvolver os debates que darán contido a futura Política Agraria Común.

As tres organizacións agrarias coincidiron en que, tanto dende os concellos como desde a Xunta e o Ministerio de Medio Rural, teñen que decidir se apostan ou non pola continuidade do sector lácteo, para o cal se lles solicitarán as correspondentes entrevistas por parte dos tres sindicatos de cara a exporlles as medidas a curto e a medio prazo necesarias para solucionar esta crise.

Rolda de prensa 

Ficheiro adxunto