A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG pide a articulación de mecanismos coma os franceses para negociar prezos dignos para o leite

O SLG pide a articulación de mecanismos coma os franceses para negociar prezos dignos para o leite

23 de Decembro do 2011

Explotación láctea

O Sindicato Labrego amosou, unha vez máis, a súa indignación ante a parálise da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura á hora de crear as condicións necesarias para que as explotacións leiteiras e as industrias poidan negociar un prezo do leite que satisfaga a todos os axentes do sector, tal e como se fai en Francia. O SLG volve incidir nesta denuncia porque, o 22 de decembro, a Interprofesional Leiteira de Bretaña e o País do Loira (Cilouest) fixaba un prezo de referencia para o leite en xaneiro de 2012 de 33,81 céntimos por litro1.

Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos que non se poden negociar or prezos do leite, nin na Galiza nin no conxunto do Estado Español, e que seguimos padecendo os valores máis baixos da Unión Europea. Sabendo que a normativa comunitaria que rexe a competencia é a mesma no Estado Español que en Francia, temos que culpar ás políticas do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural da indefensión e desamparo que sufren as explotacións leiteiras do noso País. O conselleiro de Medio Rural e o ministro de Agricultura deberían cuestionarse por que en Francia e na Bretaña teñen mellores prezos, poden negocialos e lles funciona o sistema; e por que aquí non se poden facer negociacións, sufrimos prezos de miseria e unha total indefensión diante dos valores que marca de xeito unilateral a industria.

Dende o Sindicato Labrego Galego volvemos reinvindicar a negociación colectiva dos prezos nun foro onde estean representados todos os axentes do sector lácteo (explotacións, industrias, consumidores e consumidoras, distribuidoras), que conte coa arbitraxe da Administración, e que fixe e garanta uns valores dignos para o leite a través dun contrato. Calquera outra política que non asuma estes mínimos abocará ao sector leiteiro a seguir afondando na crise crónica que padece dende que entramos no Mercado Común e que se levou por diante ducias de miles de explotacións na Galiza.