A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Celega pretende facer asinar ás explotacións leiteiras un contrato a quince meses sen prezo

Celega pretende facer asinar ás explotacións leiteiras un contrato a quince meses sen prezo

25 de Xaneiro do 2012

Celega

A empresa Celega, que se dedica á fabricación de queixos e á compravenda de leite na súa factoría do Saviñao (Lugo), vén de remitir un modelo de contrato ás explotacións que lle subministran co que pretende comprometelas a entregar todo o leite que produzan (cunha marxe ±10%) durante quince meses, e a comunicar con tres meses de antelación o remate da relación contractual.

Estas condicións convértense en leoninas cando comprobamos que o modelo de contrato de Celega obriga a entregar o produto sen que o gandeiro ou gandeira saiban canto van cobrar por el durante eses quince meses. En efecto, o apartado onde se debería recoller o prezo do leite que se vai pagar mensualmente aparece en branco. A única referencia á que se alude no contrato é o valor do leite en xaneiro, febreiro e marzo de 2012 que marque o Observatorio do Sector Lácteo da Consellaría de Medio Rural; o problema é que este observatorio funciona de xeito moi deficiente e os seus datos máis recentes, a día de hoxe, corresponden a outubro de 2011. É dicir: Celega pretende facer asinar ás explotacións gandeiras que lle fornecen de leite un contrato que as ata durante quince meses sen un prezo de referencia coñecido.

Para o Sindicato Labrego Galego, este tipo de contratos son unha expresión clara da falla de regulación que existe no sector e da indefensión das explotacións leiteiras fronte aos atropelos e abusos a que son sometidas polas industrias nas súas relacións comerciais, co beneplácito e complicidade da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura. Para o Sindicato Labrego Galego, un prezo negociado colectivamente e que cubra os custes de produción e unha marxe de beneficio digna para as explotacións debería ser a pedra angular na que se asentasen os contratos e a compravenda de leite na Galiza, no Estado e na Unión Europea; e mentres isto non aconteza, teremos que seguir asistindo ao peche de miles de explotacións cada ano e á caída constante da rendibilidade naquelas que logran sobrevivir contra vento e marea.

Sorprende que en países veciños como Francia, si existan foros onde negociar e acordar prezos entre a industria e as explotacións gandeiras, cousa que, a día de hoxe, é imposible de facer no Estado Español. Sen ir máis lonxe, hoxe coñecíase a nova de que a Interprofesional Leiteira da Bretaña e do País de Loira(Cilouest) vén de fixar un prezo para o leite de 33'89 céntimos por litro para o mes de febreiro, algo inimaxinable na Galiza por non existir posibilidade algunha de negociar nada e por andar o valor do leite aquí moi por debaixo do que se paga no resto da Unión Europea.

 

 

undefined