A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG defende as producións cárnicas galegas de calidade fronte aos estudios que demonizan o seu consumo

O SLG defende as producións cárnicas galegas de calidade fronte aos estudios que demonizan o seu consumo

16 de Marzo do 2012

Carne

O Sindicato Labrego Galego quere denunciar a falla de rigor do estudio realizado polo departamento de nutrición da Universidade de Harvard no que se conclúe que o consumo de carne vermella aumenta o risco de padecer enfermidades e acurta a vida de quen as consume.

Non dubidamos que este estudio se fixese dun xeito academicamente correcto, pero cómpre aclarar que a investigación tivo lugar en Estados Unidos, país onde predomina un xeito industrial de criar gando e onde están legalizadas hormonas de engorde, anabolizantes, antibióticos e outras substancias que están prohibidas nas ganderías da Unión Europea. Ademais, estaría ben saber quen custeou o estudio, pois boa parte da investigación das universidades estadounidenses está financiada por empresas ou entidades privadas que defenden os seus intereses tamén privados.

Diante de investigacións como a devandita, dende o Sindicato Labrego Galego defendemos as nosas producións, con animais que se crían ao aire libre e se alimentan do leite materno, de pastos naturais e de pensos feitos en base a cereais e sen ningún tipo de aditivo, como os que teñen o selo de Tenreira Galega Suprema, por exemplo. A carne que producen as nosas explotacións ten un grande prestixio acadado co traballo e investimento de moitos anos, e sería lamentable que a difusión de estudios como o devandito, que de seguro non teñen nada que ver coa carne producida na Galiza nin cos intereses das nosas explotacións, acabasen con esa credibilidade e confianza que os consumidores e consumidoras teñen na carne galega.

Tamén, dende o Sindicato Labrego Galego, queremos seguir defendendo o dereito dos países e dos pobos a decidir o que queren comer e como o queren producir, aplicando nas súas políticas agrarias o que se coñece como soberanía alimentaria, de maneira que as grandes corporacións alimentarias non nos sigan dicindo o que debemos e o que non debemos comer, aínda que sexa botando man de estudios universitarios.