A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. 27 de novembro: Folga de entregas de leite

27 de novembro: Folga de entregas de leite

24 de Novembro do 2012

Folga leite

O Sindicato Labrego Galego, xunto ás outras organizacións agrarias e co apoio das cooperativas, convoca unha folga unitaria de entregas de leite a partir do vindeiro martes, 27 de novembro, para reclamar solucións inmediatas á peor crise pola que atravesou o sector leiteiro galego.

Os produtores e produtoras de leite de Galicia atravesamos unha gravísima situación, despois dunha caída continuada dos prezos do leite e do aumento dos custes de todo o que as explotacións mercamos ou pagamos. Cada vez vendemos o leite máis por debaixo do que nos custa producilo, de tal xeito que se non conseguimos reverter esta situación, as explotacións leiteiras iremos todas á ruína. Agora mesmo, cobramos o leite a unha media de 28 céntimos, un dos prezos máis baixos da Unión Europea e do Estado; mentres que producir ese litro de leite custa, só en penso para manter as vacas, 36 céntimos.

Non queremos que o leite sexa produto reclamo para a gran distribución, nin que estas grandes áreas comerciais acaben impoñendo sempre o seu criterio. Queremos que o prezo que cobramos por producir o leite cubra os custos de produción. Ademais, no sector productor necesitamos mecanismos de defensa diante destes atropelos.

No mes de outubro entrou en vigor o Paquete Lácteo e temos que evitar que, en vez de servirnos a nós para mellorar as condicións de venda do leite, lle sirva a industria e a distribución para impoñer á forza nos contratos estes prezos de miseria.

Tamén necesitamos que dende os gobernos se aposte polo sector, se nos apoie e se nos axude a cambiar esta situación. Queremos que se comprometan co noso futuro, co futuro do sector produtor de leite de Galicia, fundamental motor económico para as comarcas do rural e para a recuperación da situación de crise que estamos todos a vivir.

A nosa loita é por un prezo xusto para o leite que permita a supervivencia das nosas explotacións, e dende o Sindicato Labrego Galego non imos descansar até acadalo. 

 

 

undefined

 

Intervención de Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva do SLG, na rolda de prensa do 23 de novembro na que as tres organizacións agrarias anunciaron a folga de entregas.