A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Illa de San Simón acolle esta fin de semana o XI Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do SLG

A Illa de San Simón acolle esta fin de semana o XI Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do SLG

13 de Marzo do 2015

Encontro de Mulleres do SLG

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego elixiu a Illa de San Simón (Redondela) para celebrar o seu undécimo Encontro Anual, do 14 ao 15 de marzo. Alí, daranse cita durante toda a fin de semana un cento de labregas vidas de tódalas comarcas da Galiza para dialogar, compartir, debater, denunciar e aprender en común.

O encontro comezará, oficialmente, o sábado 14 de marzo ás 10:30 horas, e as primeiras actividades serán mesas redondas nas que as labregas compartirán as súas experiencias, tanto dende a sabedoría que dan os anos, nas de máis idade; até os novos vieiros abertos polas máis mozas. Precisamente, compartir é o verbo que máis lle acae a este evento, onde amais da palabra a través do diálogo, as labregas participantes tamén compartirán sementes das súas parroquias coas que fixeron e fan un labor de conservación impagable; e alimentos producidos e elaborados por elas mesmas como máxima expresión do orgullo e da dignidade do oficio que profesan.

Desta vez, no Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do SLG estarán invitadas representantes da Marcha Mundial das Mulleres, que falarán da caravana feminista que partiu do Kurdistán, o pasado 8 de marzo, e que realizará un periplo percorrendo toda Europa até chegar a Portugal o 17 de outubro, tras pasar por Galiza na súa etapa final. Con esta caravana, a Marcha Mundial quere pór en contacto mulleres e colectivos feministas de todo o continente “que loitan e resisten nas súas cidades e pobos contra a violencia, a austeridade, a pobreza, o racismo, o fascismo, a lesbofobia e todas as opresións que fan a vida das mulleres máis difícil. O noso obxectivo é documentar e visibilizar as loitas das mulleres que se enfrontan a problemas similares, en contextos diferentes”. Ademais, tamén haberá representantes da Rede Galega de Sementes que falarán do labor que están a levar a cabo na recuperación, difusión e conservación de variedades locais de froitas e hortalizas na Galiza.

Especial mención merece o obradoiro que impartirá a facilitadora Tareixa Ledo Regal1, o domingo, baixo o título “Nin son máis, nin son menos: son eu”, no que levará da man ás asistentes nun percorrido que irá dende as relacións de poder ás relacións do bo trato. Neste obradoiro, e a través dunha serie de exercicios moi sinxelos, as participantes experimentarán como, na vida real, vivimos as relacións de poder, ben dende abaixo, que é o máis xeneralizado para as mulleres, e ás veces tamén dende arriba. Di Tareixa que “colocándonos desa maneira, o que estamos a construír e reproducir son as relacións de poder que están instauradas na nosa sociedade, marcadamente neoliberal e patriarcal, que dá valor a algunhas persoas e quítallo a outras. A alternativa a iso non é colocarse nin arriba nin abaixo, pois iso suporía perpetuar esas relacións de poder; senón situarnos, dende o corpo da dignidade, nunha posición horizontal de igualdade baseada no respecto ás diferenzas de cadaquén”.

Un xantar de fraternidade poñerá o punto final a este novo Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do SLG que xa supera a década e segue a consolidarse como punto de encontro, intercambio e amizade para moitas labregas da Galiza.

Programa XI Encontro Mulleres